Investigan a dúas persoas por alertar dun accidente falso

Investigan a dúas persoas por alertar dun accidente falso
Investigan a dúas persoas por alertar dun accidente falso

Cando chegaron ao lugar no que supostamente se produciu o accidente, os axentes comprobaron que tal sinistro non existía

A Garda Civil investiga a dous mozos, ambos de 19 anos de idade, como autores dunha chamada para alertar dun falso accidente de circulación, que obrigou ao instituto armado a desprazar a catro patrullas ao lugar no que supostamente se produciu o sinistro, ademais de mobilizar aos bombeiros e aos servizos médicos de urxencia.

Segundo informou a Garda Civil, os feitos producíronse o pasado 7 de decembro, ás 01:30 horas, cando o Centro Integrado de Atención a Emerxencias de Galicia recibiu unha chamada telefónica na que un particular alertou da existencia dun accidente de circulación, unha saída de vía cunha persoa inconsciente nunha estrada local de San Clodio, no municipio de Quiroga.

Para responder a esa suposta emerxencia, foron mobilizados os servizos sanitarios de urxencias -061-, os bombeiros do parque comarcal de Monforte de Lemos e a Garda Civil, que desprazou a catro patrullas, de Tráfico e de Seguridade Cidadá.

Cando chegaron ao lugar no que supostamente se produciu o accidente, os axentes comprobaron que tal sinistro non existía, ademais de verificar que era imposible contactar telefonicamente coa persoa que alertara do mesmo.

Esta situación deu pé ao comezo dunha investigación policial que culminou coa imputación como investigado por un suposto delito de desordes públicas a dous rapaces de 19 anos de idade, veciños de Monforte de Lemos e San Clodio.

Comentarios
Lo más