Que viva o viño da Ulla!

Que viva o viño da Ulla!
Que viva o viño da Ulla!

San Miguel de Sarandón foi o enclave dunha das festas que exaltan o famoso viño da Ulla

Como cada ano, e xa van 39, o campo da festa de San Miguel de Sarandón, no concello de Vedra, volveu a acoller a Festa da Exaltación do Viño da Ulla, unha celebración onde centos de veciños e veciñas e visitantes puideron disfrutar da calidade deste viño da comarca.

Carlos Martínez Carrillo, alcalde de Vedra, foi o primeiro en falar para felicitar o traballo da comisión de San Miguel de Sarandón e dos bodegueiros así como para darlle a benvida a tódolos visitantes que se achegaron esta mediodía ao campo da festa.

Despois o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, puxo en valor os viños da Ribeira do Ulla dentro da denominación de orixe Rías Baixas, e sinalou que a produción de uva nesta zona vai medrando ano tras ano ata chegar ás máis de 1.500 toneladas no 2018. Nesta cita gastronómica, o titular de Medio Rural tamén subliñou a importancia deste tipo de celebracións para poñer en valor as producións agroalimentarias galegas en xeral e o viño en particular.

A continuación foi o turno de Manuel Prieto Comesaña, coñecido por todos como Manquiña, no que no seu papel de pregoeiro quixo facer unha alegoría contando primeiro a súa chegada a Compostela dende a cidade olívica para despois narrar como Deus regalou "as simientes de treixadura, caíño, brancellao ou albariño para facer un viño rico, branco, transparente que vai das gorxas ao corazón da xente". Manquiña tirando do seu sentido do humor fixo botar moitas risas aos presentes para rematar cun brindis con tódolos presentes.

A Orde dos Amigos e Amigas da Bota do Viño da Ulla incorporaron a súa entidade ao conselleiro José González, ao xornalista Víctor Furelo, ao empresario José Manuel Guerra e ao pregoeiro Manquiña, na que recibiron a insignia pertinente, o pergamino no que se lles acredita como membros da Ordes e a pequena bota con viño da Ulla coa que tiveron que beber para finalizar a súa incorporación.

Mentres os veciños, veciñas e visitantes puideron disfrutar do churrasco, polbo, carne ao caldeiro e por supusto, dos diferentes viños da zona. A música de Odaiko & Vanesa Muela e a orquesta Xacobeo foron os encargados de amenizar a xornada da mediodía pero que continuaba a tarde con diferentes charangas.

Comentarios