Tres programas de doutoramento da USC, seleccionados nas convocatorias de concorrencia europeas

Tres programas de doutoramento da USC, seleccionados nas convocatorias de concorrencia europeas
Tres programas de doutoramento da USC, seleccionados nas convocatorias de concorrencia europeas

Os estudos seleccionados son Nanofar, Tapas e Nowelties e veñen poñer en valor a aposta da USC pola internacionalización dos seus estudos de doutoramento

Tres programas de doutoramento da USC foron seleccionados nas convocatorias de concorrencia competitiva europeas, cuxo fin é promover unha investigación universitaria de excelencia e internacional, que contribúa ademais a afrontar os principais retos científicos, sociais e económicos. 

Os estudos seleccionados son Nanofar, Tapas e Nowelties e veñen poñer en valor a aposta da USC pola internacionalización dos seus estudos de doutoramento a través de convocatorias competitivas de financiamento.

Erasmus Mundus ‘Nanofar’

O programa NanoFar, ‘European Doctorate in Nanomedicine and Pharmaceutical Innovation’, é un dos dez programas de doutoramento conxunto europeo destinados á captación do talento e a innovación pertencentes á convocatoria 2009-2013. A USC participa nesta establecendo a colaboración académica bilateral coas universidades de Nantes, Angers, Lovaina, Liége e Nottingham. Ademais, ao programa adhírense un conxunto de institucións como hospitais, centros de investigación e oito relevantes empresas especializadas na nanomedicina que promoverán o desenvolvemento das súas aplicacións biolóxicas e clínicas. Neste curso académico o persoal investigador seleccionado polo programa está a defender as súas teses de doutoramento, sete das cales contan na co dirección con por doutores/as da USC.

Horizonte 2020 e accións Marie Curie

A USC foi recoñecida en 2017 coa acreditación HR Excelence in Research, selo de calidade que distingue ás institucións xeradoras dunha contorna estimulante e favorable para a investigación. Neste contexto, conseguiuse o financiamento para o desenvolvemento de dous programas de doutoramento europeos configurados como ‘Marie Sklodowska Curie Action- European Joint Doctorate’, o que implica a contratación de persoal investigador que aínda non dispoña do título de doutor/a para un período de tres anos de investigación, prazo para o desenvolvemento da tese de doutoramento. Estas dúas iniciativas inscríbense no marco do Programa Marco europeo de investigación e innovación Horizonte 2020, destinado a incentivar o crecemento económico, a innovación e excelencia investigadora e a creación de emprego.

As accións Marie Curie na USC selecionadas son TAPAS e NOWELTIES. No primeiro caso, ‘Targeting Platelet Adhesion Receptors in Thrombosis’ (TAPAS) comezou en 2016 e nel ofértanse quince vacantes para realizar investigacións orientadas á prevención da trombose mediante a identificación de mecanismos plaquetarios. O consorcio constituído para desenvolver as diferentes accións do proxecto confórmano trece institucións de sete países da UE entre as que se atopa a USC. Dentro da Universidade compostelá cinco investigadores e investigadoras resultaron seleccionados para participar no marco dun Programa de Doutoramento específico aprobado polo Ministerio de Ciencia, Investigación e Universidades no ano 2018.

Pola súa banda, Nowelties (Joint PhD Laboratory for New Materials and Inventive Water Treatment Technologies. Harnessing resources effectively through innovation) é unha nova iniciativa europea que inicia a súa andadura en 2019. Ademais da USC, participan neste proxecto as universidades de Girona, Munich, Aachen, Zagreb, Belgrado e Ferrara. A USC agarda a selección de catro investigadores, de entre os catorce que vai acoller o programa, para que traballen no eido da investigación das tecnoloxías de tratamento da auga destinadas a previr contaminantes e optimizar a súa recuperación. 

Comentarios
Lo más