En Común Unidas Podemos pide prohibir a publicidade das casas de apostas e subir os impostos a estas empresas

En Común Unidas Podemos pide prohibir a publicidade das casas de apostas e subir os impostos a estas empresas
En Común Unidas Podemos pide prohibir a publicidade das casas de apostas e subir os impostos a estas empresas

O candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino sinalou que é “un problema que sofren moitas familias, que acaba coa súa economía e a súa forma de vida”

En Común Unidas Podemos esixiu este luns prohibir a publicidade das casas de apostas e subir os impostos ás empresas multinacionais e fondos voitre que as explotan ante o problema social de primeira orde que están xerando ao incrementarse a ludopatía, especialmente entre a xente máis nova.

O candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino sinalou que é “un problema que sofren moitas familias, que acaba coa súa economía e a súa forma de vida”. Ante isto, indicou que “é fundamental pasar da acción lexislativa á acción de Goberno. Ese é o noso compromiso de cara ao 28 de abril”.

Gómez Reino considerou que “estamos falando dun modelo de vida e de ocio. Hai que desenvolver medidas lexislativas concretas, pero tamén políticas públicas en sentido transversal. É preciso cambiar a forma de entender a vida, que non debe estar atravesada por un modelo de ocio nocivo e determinada polo neogico das multinacionais e os fondos voitre”. Ademais, ao contar coa presenza das entidades que loitan contra este fenómeno, Agalure e Agaja, denunciou que “é lacerante que teña que ser a sociedade civil quen faga o traballo que non fan as administracións públicas”.

A covoceira de Podemos e candidata ao Congreso, Ione Belarra, advertiu que este negocio está “arrasando vidas” e incidiu en que “viviu os mellores anos nos peores momentos para a xente. Se miramos quen está detrás desta expansión, vemos que son os mesmos fondos voitre que bloquean as vivendas baleiras e soben os alugueres, provocando desafiuzamentos. Rapiñaron sobre a clase traballadora e a mocidade, aproveitando a precariedade sementada por PP e PSOE coas reformas laborais”. Belarra lembrou que esta expansión das apostas e casinos online débese a “unha lei do Goberno do PSOE no 2011 e á presión dos lobbies”.

Dende entón, “misturouse o deporte co xogo, temos un problema social de primeiro nivel e todo o mundo mira cara outro lado. Hai expertos que o comparan co impacto da heroína nos 80. Se non poñemos remedio, pagaremos as consecuencias” advertiu. Por iso, é necesario “prohibir a publicidade e subir os impostos ás multinacionais, que moitas delas non pagan os impostos aquí, fano en paraísos fiscais”. Ione Belarra tamén fixo fincapé en que “o trío de Colón vaille seguir abrindo a porta aos fondos voitre e o PSOE non lles vai parar os pés. Só o voto a En Común Unidas Podemos é garantí de loitar contra este problema”.

Pola súa banda, a candidata Yolanda Díaz afeou que “cando as familias están golpeadas pola crise e asediadas nos nosos barrios e en todos os lugares polas casas de xogo, estamos ante un problema moi grave”. Díaz afirmou que “a ludopatía non é ningún xogo, é unha enfermidade que está tendo unha incidencia social fortísima. Como tal, ten que ser tratada e previda con recursos públicos”.

Para Ángela Rodríguez (Pam) afondou en que “a mocidade en Galicia non ten presente nin futuro debido á precariedade. É básico un plan de choque, facilitar o acceso á vivenda social ou a gratuidade das matrículas universitarias. Son propostas concretas para ofrecer unha alternativa e un futuro digno para a mocidade”.

O director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores, Juan Lamas, destacou que “o xogo de azar é o opio do pobo. Están tentando fidelizar aos menores de 18, cando a lexislación prohíbe que xoguen. Máis do 20% entre 14 e 16 anos xogan. As administracións non queren recoñecer os problemas que causan ante o volume de negocio que xeran e o peso asistencial lévao o Movemento Asociativo”. Por último, Gerardo Rodríguez, membro de Agalure, indicou que “é completamente necesario un regulamento estrito da publiciadade. Hai que protexer os sectores vulnerables: os menores e as persoas que teñen un problema de ludopatía”.

Comentarios