Reclaman en Meirás a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo

Reclaman en Meirás a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo
Reclaman en Meirás a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo

O voceiro de En Marea denunciou o feito de que a familia Franco teña posto un prezo ao Pazo. Un ben que para a formación "non ten prezo porque é un ben de valor incalculable”

En Marea defenderá no Congreso a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo. Foi o compromiso que o voceiro deixou este martes ás portas do Pazo de Meirás. Ata onde Luís Villares se desprazou, acompañado polas candidatas ao Congreso e ao Senado Ana Seijas, Mariló Candedo e Xosé Manuel Sardiña, e polo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

O voceiro de En Marea denunciou o feito de que a familia Franco teña posto un prezo ao Pazo. Un ben que para a formación "non ten prezo porque é un ben de valor incalculable”. E que debe ser recuperado para o público sen contraprestación económica de ningún tipo parar os herdeiros do dictador. “Levaremos ao Congreso dos Deputados a partir do día 28, en nome do exercicio da memoria democrática de toda Galicia, a necesidade de recuperar pola vía xudicial sen expropiación e sen indemnización un ben que o pobo xa pagou unha vez cando fixo para, como botín de guerra, entregarllo á familia Franco”, prometeu Luís Villares.

Así, explicou que os galegos sentimos o Pazo de Meirás como propio, como propio do patrimonio cultural e da memoria de Galicia”, explicando que sente á perda igual que “como europeos sentimos a perda de Notre Dame”

Villares criticou que ao PSOE lle faltase “valentía para aplicar plenamente a Lei de Memoria Histórica” e que o PP non tivese directamente “vontade política porque se sinten herdeiros dos que expoliaron os bens que eran do pobo”.

REUNIÓN COA COMISIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA EN GALICIA

Os representantes de En Marea mantiveron unha reunión coa Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica en Galicia, coa que se comprometeron “a levar ao Congreso unha iniciativa para a creación dunha oficina de atención ás vítimas do Franquismo”. Esa oficina terá entre os seus obxectivos asesorar, localizar e exhumar a tódalas persoas enterradas en fosas e en cunetas, coa vontade de “darlles unha sepultura digna”, afirmou Villares.

A segunda finalidade destacada polo voceiro de En Marea é “demandar a anulación de todos os procesos do franquismo que levaron a condenas que foron simples farsas” e recuperar os bens espoliados, facendo especial referencia as figuras de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria.

En derradeiro lugar, esta oficina servirá para iniciar as investigacións pertinentes para a identificación dos bebés roubados durante o Franquismo e poder poñelos en contacto coas súas familias.

Comentarios