A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Clínico Universitario

A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Clínico Universitario
Foto de arquivo
A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación do Hospital Clínico Universitario


Co fin de mellorar as instalacións nas que se presta atención especializada na área de Santiago de Compostela preténdese ampliar o CHUS engadindo dúas novas edificacións, unha á zona do bloque cirúrxico e outra a Consultas Externas


Co motivo de ampliar e mellorar as instalacións nas que se desenvolve gran parte da atención especializada da área sanitaria de Santiago de Compostela, o SERGAS inicia a execución do plan funcional e de espazos para a ampliación do Hospital Clínico coa licitación do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obra para a ampliación do CHUS.

O proxecto licitado deberá aportar a definición arquitectónica necesaria para a ampliación ou reforma de máis de 20.000 m2 cadrados de superficie recollida no plan funcional e plan de espazos para ampliación do CHUS, aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria o 21 de marzo de 2019.

O plan de espazos da ampliación recolle a construción dunha nova edificación engadida á zona do bloque cirúrxico actual de aproximadamente 18.000 m2, unha nova edificación engadida ao bloque de Consultas Externas actual de aproximadamente 4.800 m2 así como a reforma duns 6.600 m2 espazos que están en uso. En total actuaríase sobre unha superficie próxima aos 30.000 m2.

No ámbito de hospitalización actuarase sobre as áreas de hospitalización médico-cirúrxica, hematolóxica, psiquiátrica e da unidade de corta estancia e hospitalización a domicilio. En canto á actividade ambulatoria afectará ás consultas externas, o hospital de día polivalente e as urxencias.

Nos servizos centrais de diagnóstico e tratamento traballarase sobre o bloque cirúrxico, a unidade de recuperación post-anestésica, a farmacia, os laboratorios de microbioloxía e inmunoloxía e a unidade de diagnose por imaxe (unidade de mama). Tamén se contempla actuar sobre servizos de soporte e unidades xerais, como o mortuorio, escola infantil, unidade de codificación, laboratorio de investigación, etc.

Comentarios