Volve o Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista” a Santiago

Volve o Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista” a Santiago
Volve o Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista” a Santiago

O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá os días 24, 25 e 26 de abril

Despois da experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago de Compostela o II Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista” baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá os días 24, 25 e 26 de abril 2019 e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Ademais, colaboran tamén os grupos de investigación GI-1350 Románicas (Filoloxía, Literatura medieval) e GI- 1548 Historia medieval: sociedade e territorio, ambos da Universidade de Santiago de Compostela, o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela e o portal de colaboración sobre o mundo académico medieval Medievalitis.

Xa de consolidada vocación internacional e sempre pensada para ofrecer aos máis novos investigadores un foro de utilidade científica onde compartir investigacións e os comezos dos propios proxectos, esta segunda edición vai contar con aínda máis partecipantes da anterior (54), procedentes de España, Portugal, Francia, Italia, Inglaterra, Bélxica, Suíza, Porto Rico e Arxentina, vinculados a case corenta institucións académicas. As comunicacións repartiranse en 10 mesas, cada unha dedicada a un tema específico dos estudos medievais e con un marcado carácter interdisciplinar (filoloxía, historia, historia da arte, arqueoloxía, filosofía, musicoloxía e humanidades dixitais; vid. programa anexo)

Alén diso, están previstas tres ponencias de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media. A ponencia inaugural será presentada polo prof. Alfonso D’Agostino, ilustre filólogo e catedrático da Università degli Studi di Milano, que falará sobre as transformacións que poden afectar a un texto. A seguir, os días 25 e 26 de Abril, o prof. David Chao Castro e o prof. catedrático Fernando López Alsina (ambos da Universidade de Santiago de Compostela) analizarán, respectivamente, a figura da raiña Juana Manuel e a relación entre o papa Calixto II e o Liber Sancti Iacobi.

O programa conta tamén cunhas visitas á Catedral de Santiago de Compostela e ao seu Arquivo-Biblioteca o día 25 de Abril, as dúas reservadas a comunicantes e asistentes (prazas limitadas aos primeiros que se apuntan). Como na edición anterior, tamén este ano o Congreso quere seguir mantendo a súa vocación formativa para o estudantado que desexa mellorar o seu coñecemento sobre aqueles aspectos vinculados á Idade Media que se irán tratar. Por esta razón, esta actividade conta cun crédito ECTS recoñecido en Historia e Arte. A inscrición para os asistentes estará aberta até o día 23 de Abril. A asistencia formalizarase tamén coa entrega dun certificado oficial. Máis información visitando a web: https://elcaminodelmedievalista.wordpress.com.

Comentarios