O alumnado da EIM A Madalena achégase aos oficios a través de varias visitas de diversos profesionais

O alumnado da EIM A Madalena achégase aos oficios a través de varias visitas de diversos profesionais
O alumnado da EIM A Madalena achégase aos oficios a través de varias visitas de diversos profesionais

Para ilustrar o aprendido nas aulas, os cativos puideron ver de primeira man como é traballar de xardineiro/a, arquitecta/o, adestrador/a de cans, bombeiro/a ou carteira/o, a través de distintas visitas realizadas por varios profesionais destas ramas

Os nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena adicaron as últimas semanas a estudar os distintos oficios. Para ilustrar o aprendido nas aulas, os cativos puideron ver de primeira man como é traballar de xardineiro/a, arquitecta/o, adestrador/a de cans, bombeiro/a ou carteira/o, a través de distintas visitas realizadas por varios profesionais destas ramas. Ao abeiro deste bloque temático, os nenos fixeron unha excursión é oficina de Correos do Milladoiro, e recibiron a visita de Protección Civil de Ames, GES de Brión e varios pais e nais de alumnos/as, que lles explicaron en que consiste o seu traballo.

Durante o mes de marzo e a primeira semana de abril, o alumnado da EIM A Madalena adicou as clases a estudar os oficios. Así, ademais da teoría, os cativos e cativas realizaron e recibiron varias visitas para coñecer de primeira man en que consisten algúns dos oficios que nos rodean. Con este obxectivo, o alumnado realizou unha visita á oficina de Correos do Milladoiro, onde Uxía lles ensinou as instalacións e como funciona o servizo de envíos, e as distintas etapas que un paquete ou carta atravesa dende que se deixa nas instalacións ata que chega ao seu destinatario. Así, as pequenas/os puideron utilizar o mataselos, probar os carriños cos que os carteiros e carteiras reparten o correo e mesmo depositar as cartas nas caixas de Correos.

Por outra banda, os nenos e nenas recibiron a visita do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Brión, cuxos membros lles mostraron o camión de bombeiros, o funcionamento da mangueira coa que apagan os lumes, os cascos que deben utilizar cando teñen que atender algunha chamada e en que consisten as súas funcións. Á xornada tamén acudiron os e as voluntarias de Protección Civil de Ames, que aproveitaron para explicarlles cales son as tarefas que desenvolven e ensinarlles os coches con serea que utilizan no seu día a día. Ao remate da mañá, os cativos/as puideron subir ao camión de bombeiros para poñerse na pel destes profesionais.

Esta actividade tamén contou coa participación de varias nais e pais, que se animaron a visitar as instalacións da escola para falar sobre a súa experiencia como traballadores. O primeiro en visitar a escola foi Adrián, pai de Raúl, que traballa como xardineiro no Concello de Teo. Durante a súa visita, o nenos coñeceron da súa man que funcións realiza un xardineiro, aprenderon sobre os coidados que requiren diversas flores e plantas, viron como se podan as árbores, e axudárono a plantar leitugas para a escola.

Os nenos/as tamén coñeceron en que consiste traballar de arquitecta a man de Beatriz, nai de Adrián, que realizou unha presentación para achegarlles os obxectos que debe utilizar cando se achega a unha obra. Así, durante a súa visita non só explicou as funcións que desempeña, senón tamén cuestións como o vestiario de seguridade que ten que utilizarse nunha obra ou significado da sinalización que se pon nas obras e porque é obrigatoria. Durante a visita, os cativos puideron pintar unha casa de cartón deseñada por ela mesma para ilustrar as súas explicacións.

Por último, o alumnado tamén experimentou de preto en que consiste o adestramento de animais mediante unha serie de actividades realizadas por Diego, pai de Chloé, e o seu can Nixon. Durante a xornada, Nixon mostroulles aos pequenos/as como completar un circuíto con túneles, barras e distintos obstáculos seguindo as indicacións do adestrador. Despois da demostración, os nenos/as puideron achegarse a Nixon, que desfrutou coa compañía dos nenos/as.

Comentarios