A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON esixe a dimisión inmediata do Director Xeral de Minas

A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON esixe a dimisión inmediata do Director Xeral de Minas
A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON esixe a dimisión inmediata do Director Xeral de Minas

Desde a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON esiximos a dimisión inmediata do Director Xeral de Enerxía e Minas, que non pode ser o responsable de decidir sobre o futuro de Touro e O Pino

Onte coñeceuse a noticia de que o Director Xeral de Minas, Anxo Bernardo Tahoces, foi imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental en relación coa explotación mineira de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, polo que terá que declarar por diferentes irregularidades o próximo 2 de maio.

Segundo afirman dende a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, a mala fama de Tahoces no desempeño dos seus diversos cargos como directivo da Xunta non deixa de crecer. Xa a principios do ano 2001 soubose, afirman dende a plataforma, da súa pésima xestión da crise das vacas tolas como Secretario Xeral de Industria. Máis tarde, en 2013, o seu nome volvía soar relacionado con irregularidades e arbitrariedades na tramitación da mina de ouro de Corcoesto, despois de que a empresa promotora destapase unha suposta trama na que “amigos do presidente Feijóo”, entre os que se atopaba, reclamaban “dólares nunha maleta Samsonite”, aseguran. E agora o caso da mina de San Finx, no que Tahoces decidiu aprobar a apertura da mina sen un previo estudo de impacto ambiental e eludindo as responsabilidades polo estado das balsas da antiga mina, cargadas de metais pesados potencialmente canceríxenos.

Desde a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON esixen a dimisión inmediata do Director Xeral de Minas. Un directivo cun currículo tan manchado, segundo sosteñen, non pode estar á fronte dese departamento, e moito menos ser o responsable da decisión sobre o proxecto mineiro de Touro, no que hai en xogo o futuro e a vida de tantas persoas e do medio ambiente. "As nosas casas, os nosos ríos e os nosos medios de vida, sustentables, non poden estar en mans dunha persoa imputada por prevaricación ambiental" alegan.

Tamén piden que a Xunta de Galicia resolva canto antes o Proxecto Touro e poña así fin a un procedemento longo e tedioso, paralizado sine die sen motivos xustificados por causa dunha empresa que, a pesar de requirir cada vez máis ampliacións de prazos para mellorar o proxecto, é incapaz de diminuír un só dos múltiples riscos que a explotación a ceo aberto entraña.

A Xunta de Galicia, aseguran, ten que velar polos dereitos e intereses das galegas e os galegos, e ten que facelo en todo momento, e non velar nin polo ben dunha empresa privada nin polos intereses do partido político do goberno, como parece querer facer Núñez Feijóo dilatando cada vez máis a resolución, con fins presuntamente electoralistas que lle beneficien.

Comentarios
Lo más