Codenan a 41 anos de cárcere ao home que asasinou a un mozo en Chapela a noite de San Xoán

Codenan a 41 anos de cárcere ao home que asasinou a un mozo en Chapela a noite de San Xoán
Codenan a 41 anos de cárcere ao home que asasinou a un mozo en Chapela a noite de San Xoán

A sentenza indica que, tal e como considerou acreditado o Tribunal do Xurado, o sospeitoso tratou de asasinar na praia a outra persoa disparándolle por detrás

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 41 anos de cárcere ao home que asasinou a un mozo dun disparo no peito na praia de Arealonga, en Chapela, durante a noite de San Xoán de 2017. O sospeitoso foi sentenciado a 24 anos de prisión como autor dun delito de asasinato, a 10 anos por tentar asasinar a outro mozo e a cinco anos por intento de homicidio aos dous axentes da Policía Nacional que o detiveron. A Audiencia tamén lle impuxo dous anos de cárcere por cometer un delito de tenencia ilícita de armas.

A sentenza indica que, tal e como considerou acreditado o Tribunal do Xurado, o sospeitoso tratou de asasinar na praia a outra persoa disparándolle por detrás. “Levou a cabo todos os actos que producisen ou puidesen producir naturalmente a morte do mozo, e que só a súa impericia ou as dificultades ao realizar o disparo impediron que lle alcanzase”, relata.

A resolución sinala que o condenado “non tivo en ningún momento intención de ensinar as mans ou renderse” ante os dous axentes que o arrestaron, senón que tratou de introducir a man nunha bandoleira. “Dado que alí levaba un revólver e que xa matara con anterioridade a un mozo e disparara a outro por detrás, é fácil concluír que a súa intención era a de sacar o revólver e disparar, non só asustalos”, indica o fallo.

A Audiencia destaca que os axentes xa lle estaban apuntando cunha arma, “de forma que mal podía pensar que ía intimidalos dalgún modo”. Ademais, salienta que anteriormente “omitira calquera signo de advertencia a quen disparara na praia, séndolle máis fácil”, polo que conclúe que “máis ben tivo sorte de que a reacción dos axentes fose máis valente e atinada ao optar por reducilo en vez de dispararlle en defensa propia”.

Comentarios
Lo más