José Luís García volverá a encabezar a candidatura socialista á alcaldía de Brión

José Luís García volverá a encabezar a candidatura socialista á alcaldía de Brión
José Luís García volverá a encabezar a candidatura socialista á alcaldía de Brión

A súa lista que “mestura experiencia e xuventude e cun claro obxectivo: traballar por Brión”

José Luís García volverá encabezar a candidatura dos Socialistas de Brión ás próximas eleccións municipais, que se presentará oficialmente á veciñanza nun acto público que terá lugar no Hotel Balneario Compostela (O Tremo) o vindeiro xoves 2 de maio, ás 21:30 horas. O actual alcalde brionés amósase moi satisfeito coa lista de veciños e veciñas que o acompañarán na próxima lexislatura pois “ningunha das persoas ás que chamei me dixo que non, polo que nesta candidatura están as persoas que me parecen as mellores para traballar por Brión”.

García destaca tamén que a candidatura “é unha mestura de experiencia e xuventude. Persoas honestas, traballadoras, que saben o que fan e nas que os veciños e veciñas poden confiar”. Unha candidatura na que están representadas todas as parroquias do municipio e na que se producen oito novas incorporacións.

Novas incorporacións

Bo exemplo desta renovación é que nos cinco primeiros postos da lista se rexistran dúas novas incorporacións de dous veciños que chegan por vez primeira á política: Pablo Lago Sanmartín (40 anos, hostaleiro e veciño de Saíme, Bastavales), como número 2; e Carlos Noya Pereira (28 anos, técnico de seguridade e veciño de Brión de Abaixo, Brión), como número 4. Canda eles repiten María Rosa Romero Fariña (63 anos, enfermeira e veciña de Soutullos, San Salvador) e María Guarina Rey Vázquez (40 anos, administrativa e veciña de Gundín, Os Ánxeles).

“Creo que os primeiros postos son un exemplo do que é a nosa candidatura: unha mestura de experiencia e ilusión por traballar por Brión”, explica José Luís García, quen apunta que “Rosa ten unha gran experiencia en materia de servizos sociais, non so como concelleira, senón tamén representando á Fegamp no Consello Galego de Benestar Social; mentres que Guarina ten unha especial preocupación polas novas tecnoloxías, onde Brión xa está avanzando en materia de Internet a alta velocidade pero onde temos que seguir traballando para que chegue a todas as nosas aldeas durante esta lexislatura”.

Sobre as novas incorporacións, José Luís García apunta que “Pablo é unha persoa que coñezo de hai moito tempo e só teño cousas boas que dicir del, estou seguro de que será un gran concelleiro; mentres que Carlos é unha persoa moi nova pero moi traballadora, polo que estou convencido de que será unha gran axuda”.

José Luís García convida a toda a veciñanza de Brión a achegárense o vindeiro xoves 2 de maio, ás 21:30 horas, polo Hotel Balneario Compostela para “coñecer a nosa candidatura e tamén facerlles un merecido recoñecemento a algúns concelleiros e concelleiras que estiveron comigo dende o primeiro Goberno e que decidiron tomarse un máis que merecido descanso”. Neste sentido, García agradece especialmente “que todos eles decidiran apoiar esta nova candidatura formando parte dela, aínda que non sexa en postos de saída. Sei que teñen máis que merecido ese descanso pero tamén sei que poderemos tirar da súa experiencia máis dunha vez se fose necesario”.

Comentarios