Máis de 900 estudantes participan na segunda edición do programa Proxecta_ "Apuntámonos a non beber!!!"

Máis de 900 estudantes participan na segunda edición do programa Proxecta_ "Apuntámonos a non beber!!!"
Máis de 900 estudantes participan na segunda edición do programa Proxecta_ "Apuntámonos a non beber!!!"

A iniciativa duplica a participación respecto ao pasado ano

Un total de 915 alumnos e alumnas participan este curso na segunda edición do Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!!, duplicando así a participación do ano pasado cando se celebrou a primeira edición do Programa. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade pon en marcha por segunda vez este programa destinado ao alumnado de 1º da ESO dos centros públicos educativos galegos. Nesta edición participan un total de dezanove centros das catro provincias galegas de Boiro, Melide, Zas, Negreira, Mugardos, Palas de Rei, Meira, Monforte, A Gudiña, dous centros escolares de O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Moaña e cinco centros escolares da cidade de Ourense.

Con esta actividade, a Consellería de Sanidade quere atrasar a idade de inicio do consumo de alcohol na adolescencia. Entre os obxectivos específicos tamén está potenciar as habilidades para saber dicir que non ante as presións grupais así como reforzar as accións preventivas sobre o alcohol realizadas previamente na aula e potenciar o traballo en grupo na realización das actividades para favorecer a introdución das mensaxes de hábitos de vida saudables. Ademais búscase que os rapaces coñezan os mitos sobre o consumo de alcohol, que desnormalicen a conduta de consumir alcohol e que coñezan a relación existente entre o seu consumo, a saúde e os riscos de exclusión social.

A evidencia científica insiste que o proceso madurativo do cerebro non remata ata os 21 nas mozas e os 23 nos mozos, polo que o consumo dunha substancia psicoactiva como é o alcohol antes destas idades ten consecuencias moi negativas. Neste senso, o Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!! tamén quere chegar a toda a sociedade. Sanidade busca a concienciación das familias e a concienciación sobre á súa responsabilidade na educación libre de alcohol dos seus fillos como mínimo ata os 18 anos (idade legal). Tamén se busca promover a conciencia crítica respecto a publicidade producida arredor do alcohol e fomentar unha cultura de lecer libre de alcohol.

Fases do programa

O programa consta de tres fases que se desenvolven no segundo e terceiro trimestre do curso escolar. Na primeira fase procédese a unha formación inicial na que se abordan temas relativos á prevención, a dependencia e mitos sobre o consumo de alcohol. A formación é impartida polas persoas responsables do programa de alcohol en menores de idade das catro xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.

A segunda fase é a de investigación. Os participantes traballarán sobre diferentes anuncios publicitarios de bebidas alcohólicas ou promoción das mesmas para analizalos de forma crítica e coñecer as estratexias que emprega a industria para captar as persoas consumidoras.

Na terceira é última fase, o alumnado participará nun concurso podendo optar entre realizar unha campaña de contrapublicidade dalgún produto alcohólico publicitado elixido por eles mesmos ou ben facendo a análise crítica dunha campaña publicitaria dalgún produto xa comercializado. Hai dous premios para os dous mellores traballos realizados nos diferentes centros educativos.

Resultado na primeira edición

A primeira edición do Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!! celebrouse durante o curso 2017-2018 coa participación de 454 estudantes dun total de oito centros de Boiro, Negreira, Cedeira e Melide, na provincia da Coruña; Monforte, Sarria e Folgoso do Courel, na de Lugo; e Viana do Bolo en Ourense.

Os gañadores foron o IES Xulián Magariños de Negreira e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo que gozaron dun día no aquapark de Cerceda.

Comentarios