Celébrase o Día do Libro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Celébrase o Día do Libro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Foto de arquivo
Celébrase o Día do Libro na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

O vindeiro 23 de abril, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal invita ás compostelás e

aos composteláns a sumarse á celebración do Día do Libro

Mostra "Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma" promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais, no marco da programación institucional Letras Galegas 2019 da Xunta de Galicia. O proxecto expositivo é un percorrido pola vida, figura e obra dun dos intelectuais galegos máis destacados do século XX, ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio. Tamén, como di a lenda que acompaña a mostra, é unha viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma a través de doce paneis e un folleto explicativo. Estará na nosa biblioteca desde o 15 ata o 30 de abril.

*Martes 23 de abril ás 19.30h no salón de actos. Charla “Como acabar dunha vez por todas coa literatura galega" a cargo de Diego Ameixeiras na que, en clave irónica, fará un repaso aos problemas que rodean á literatura galega, con especial atención á súa invisibilidade e falta de lectores e lectoras. Diego Ameixeiras, nado en Lausana o 5 de novembro de 1976 pero criado en Ourense, é xornalista e escritor. Traballou como guionista para varias series emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos) e como colaborador nos xornais Diario de Pontevedra e El Mundo. Foi coguionista das longametraxes 18 comidas (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión e La mujer del Eternauta (Adán Aliaga, 2011) En 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica. En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, que se converteu nun éxito de vendas. O ano 2018 publicou a novela A crueldade de abril (Xerais) A súa obra está traducida ao castelán, catalán, alemán e italiano. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Sorteo de lotes de libros entre todos aqueles usuarios e usuarias que leven un libro en préstamo o día 23. Para a realización deste sorteo (o 24 de abril) será o noso programa informático o que elixa de forma aleatoria ás persoas agraciadas ás que se lles comunicará por teléfono a consecución do agasallo e ás que lles pediremos que nos permitan facerlles unha foto no momento da entrega para as nosas redes sociais.

*Visita guiada extraordinaria o 23 de abril ás 12.00h para que os usuarios e usuarias, e aquelas persoas que aínda non o son, poidan coñecer todos os espazos e servizos que ofrece a Biblioteca.

*Convocatoria do IX Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas. As bases poderán consultarse a partir do 23 de abril na páxina web da Biblioteca, no seu Facebook, así como nas propias instalacións do centro. Os traballos depositaranse do 23 de abril ao 13 de maio de 2019 na caixa de correos habilitada no mostrador da Sala infantil da biblioteca.

*Escape Room de Harry Potter: escapada de Azkaban. Xoves 25 de abril ás 18.30 na sala infantil. Actividade baseada nos xogos de escapismo actuais mesturado con elementos de rol en vivo onde as persoas participantes e ao longo de 60 minutos, terán que poñerse na pel de pequenas meigas e meigos e deberán solucionar varias probas para poder escapar da famosa prisión de Azkaban. A cargo de Antón Carro, participante no Programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. Actividade dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Precísase inscrición previa por teléfono ou na biblioteca. O límite de prazas é de 16.

*Contacontos “Cantos libros que contar!!!" Sábado 27 de abril, ás 12.00h no salón de actos. A cargo de Ana Carreira. Sesión na que a contadora peta nas portas dalgúns libros para convidar ao público a mergullarse nas súas historias. Dirixido a nenos e nenas maiores de 3 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Mostra bibliográfica “Bibliofilias da tribo” A biblioteca está feita de comunidade. Por iso, queremos mostrar as recomendacións de libros que nos fan as nosas usuarias e usuarios. Estará do 8 de abril ao 31 de maio no 2o andar e noutros espazos da biblioteca.

Comentarios
Lo más