O aparcadoiro de Pontepedriña comezará a funcionar co sistema da ORA

O aparcadoiro de Pontepedriña comezará a funcionar co sistema da ORA
O aparcadoiro de Pontepedriña comezará a funcionar co sistema da ORA

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu onte os detalles do acordo adoptado na última Xunta de Goberno, polo que se habilitará a zona azul no aparcamento situado baixo o viaduto ferroviario

Nos próximos días comezarán os traballos para sinalizar a nova zona ORA do aparcadoiro da Pontepedriña, así como para a instalación dos elementos necesarios para controlar o acceso e estacionamento dos vehículos nesta área. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu onte os detalles do acordo adoptado na última Xunta de Goberno, polo que se habilitará a zona azul no aparcamento situado baixo o viaduto ferroviario. Esta área, como o resto do sistema ORA, será xestionada por Tussa.

A creación da zona ORA na Pontepedriña foi posible tras a aprobación dunha addenda ao acordo asinado en 2015 entre o ADIF e o Concello para a concesión demanial da ocupación dos terreos por un prazo de 15 anos. Inicialmente, esa concesión demanial prevía a gratuidade do aparcamento, e a addenda incorporada agora "contempla a opción do cobro para garantir a rotación dos vehículos, pero nunha cantidade que non leva aparellada utilidade económica relevante".

O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que "o Concello ten aprobada inicialmente a modificación da Ordenanza de regulación da ORA, na que se prevé unha tarifa especial dun euro para os aparcamentos de borde coma o de Pontepedriña, pendente da aprobación da ordenanza fiscal correspondente". Ata que esa modificación reciba luz verde, explicou Jorge Duarte, "no aparcadoiro aplicarase a tarifa prevista para a zona ORA de longa duración, isto é, 1,05 euros para catro horas de aparcamento".

O estacionamento funcionará baixo o réxime da ORA de 10:00 a 14:00 horas, e será de aparcamento libre a partir desa hora, "co obxectivo de garantir a condición de ADIF de que non se obteñan beneficios para o Concello". Cando se aprobe a ordenanza fiscal da ORA, a tarifa será dun euro diario.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade incidiu na necesidade "de garantir a rotación de vehículos, e de apostar por este modelo de estacionamentos de borde como o que funcionan en Santa Marta ou en Salgueiriños". Jorge Duarte explicou que "o Goberno quere seguir avanzando neste camiño, e estase explorando a posibilidade de implantar estacionamentos deste tipo en dúas das principais entradas á cidade, como son Castiñeiriño e Vista Alegre". Trátase, segundo incidiu, "de paliar a chegada de vehículos ao centro urbano, porque dende estes puntos pódese acceder a través do autobús urbano".

Jorge Duarte explicou que nos próximos días procederase ao valado do aparcadoiro da Pontepedriña, de onde deberán retirarse todos os vehículos estacionados para proceder á súa sinalización. O concelleiro apuntou que os traballos de pintado realizaranse "en canto o permitan as condicións meteorolóxicas, e informarase debidamente con cartelería na zona". O obxectivo é que o aparcamento, que disporá de 193 prazas, empece a funcionar co novo sistema a partir do 6 de maio. 

Comentarios
Lo más