Preséntase a candidatura de Compostela Aberta para as municipais

Preséntase a candidatura de Compostela Aberta para as municipais
Preséntase a candidatura de Compostela Aberta para as municipais

"Honesta, valente e comprometida" que é "un reflexo dunha Compostela diversa, inclusiva e dinámica"

Despois dun proceso de primarias abertas, este mércores foi presentada a lista de Compostela Aberta de cara ás municipais de maio. Segundo afirman dende a formación política, trátase dunha "candidatura honesta, valente e comprometida para seguir conquistando máis futuro para Santiago". Tamén resaltan que a lista é o "reflexo dunha Compostela diversa, inclusiva e dinámica".

Martiño Noriega, alcalde de Santiago e candidato á reeleción, mostrouse satisfeito e convencido “de que a lista é un moi bo reflexo da cidade que quere Compostela Aberta e na que vimos traballando desde o Goberno nos últimos catro anos”. “Quixemos integrar a persoas do movemento asociativo, mesmo a algunhas que foron moi esixentes con nós ao longo deste mandato, porque cremos que é a veciñanza a que ten que decidir como quere que sexa a súa cidade porque Santiago tén máis motores que o institucional” explicou. "Ademais, incorporamos ben nos 25 postos da lista ou ben nas suplencias, a referentes nas diferentes organizacións políticas que fixeron de Compostela Aberta o seu espazo común de representación no ámbito municipal".

"Esta é unha candidatura de futuro, que cre que Santiago está nunha nova etapa que é unha verdadeira oportunidade. A nosa lista mostra o espazo de liberdade que reivindicamos e que representamos, dela forman parte homes e mulleres valentes, que quixeron estar por riba das campañas de criminalización da nosa organización política".

O proceso de primarias, que se desenvolvera a finais de marzo, decidiu os catorce primeiros postos da lista. Martiño Noriega, Branca Novoneyra e Rafael Peña encabezan a candidatura, seguidos por Marta Lois, Jorge Duarte, María Rozas, Xan Duro e Concha Fernández. Alejandro Castro Botello é, no número 9, a primeira cara nova con respecto ao actual Goberno municipal, e está seguido no 10 por Noa Morales. O primeiro tramo complétase con Miguel Penas, actual coordinador do gabinete da alcaldía; Natalia Paleo, profesora de Ciencia Política; Iago Raposo, profesor de Lingua Galega; e Chus Iglesias, artesá e comerciante da cidade histórica, responsable da Xoiaría Acivro. 

A estes catorce nomes da lista incorporouse no número 15 o deportista Antón Ruanova, dúas veces subcampión de España de Triatlón e que na actualidade se atopa en Brasil preparando a súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokio. Tras del, na lista aparecen tres persoas implicadas no movemento veciñal de Compostela: Graciela Carro, da asociación de veciños de Marrozos; Antonio Pérez Casas, traballador da Universidade de Santiago e moi activo no seu barrio de San Pedro; e Marisa Álvarez Garea, do barrio de Conxo. Séguenlle Sigrid Campo, licencidada en Administración e Dirección de Empresas; Miguel Vilariño, funcionario do Concello de Santiago; Comba Campoi, actriz e profesora no IES Lamas de Abade; Víctor Manuel Santidrián, doutor en Historia Contemporánea pola USC: e María Luz López Pardal, do movemento asociativo de Vista Alegre. A lista de Compostela Aberta para as primarias péchana a actriz Mónica García, vinculada á compañía Chévere; e o escritor e editor Xosé Ramón Fandiño. 

Martiño Noriega quixo destacar o feito de que "preto de 600 veciños e veciñas de Santiago se implicaran para decidir a candidatura que querían para o seu Concello" xa que “Compostela Aberta foi a única organización que optou por un proceso de primarias abertas á cidadanía para decidir o primeiro tramo da lista”.

Comentarios