Sánchez Bugallo e Pilar Cancela destacan a importancia que ten para Santiago que Pedro Sánchez continúe no goberno

Sánchez Bugallo e Pilar Cancela destacan a importancia que ten para Santiago que Pedro Sánchez continúe no goberno
Sánchez Bugallo e Pilar Cancela destacan a importancia que ten para Santiago que Pedro Sánchez continúe no goberno

Segundo o candidato á alcaldía, “quedan moitas cousas por facer, retos como a recuperación do Consorcio, a construción do orbital e o “orbitaliño” e un desenvolvemento eficaz das políticas de vivenda que permita baixar os alugueres”

O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a número 1 da lista do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña, Pilar Cancela, destacaron, en rolda de prensa, a importancia que ten para Compostela que Pedro Sánchez continúe como presidente do Goberno. Segundo Bugallo, “quedan moitas cousas por facer, moitos retos, como a recuperación do Consorcio, o orbital, e o desenvolvemento de políticas eficaces en materia de vivenda”. Para Pilar Cancela, nestes dez meses de executivo socialista, “demóstrase que Santiago ve cumpridas as súas expectativas e aínda ten outras moitas por cumprir”. E ése, engade, “é o noso compromiso político: de colaboración, de traballo permanente” co obxectivo de “mellorar a vida da xente, neste caso a vida das persoas” que viven no municipio. Concorda Sánchez Bugallo e engade que “o que fixo ata agora o goberno de Pedro Sánchez é o aval de garantía do que se vai facer no futuro”.

Para Sánchez Bugallo, un dos principais retos para a cidade do futuro son os Anos Santos do 2021 e 2027, polo que cómpre “recuperar e revitalizar o Consorcio da cidade de Santiago, que hoxe está esmorecendo, cuns orzamentos e unha capacidade de actuación moi diminuída en relación á que existía en 2011”. O candidato ofrece datos: “o orzamento que se aproba esta semana para este ano 2019 é un 60 por cento inferior ao que se aprobou para 2011”. Ante estas cifras, Bugallo insiste en que “o Consorcio ten que recuperar a súa vitalidade, a súa capacidade de realizar actuacións en Santiago”, e para iso, segundo o candidato, son necesarias dúas cousas: “a reunión do Real Padroado e a aprobación dun programa 2020-2030 de actuacións na cidade de Santiago; e a partir de aí a revitalización do Consorcio como o que é: o órgano executivo do Real Padroado”.

Tamén citou Bugallo, o orbital, a conexión entre a autoestrada AP-9 e a Autovía de Lugo, “aprobado polo goberno de España desde o ano 2011, e incluído nos orzamentos no 2017-2018”, pero que ata agora non saíra a licitación”. É agora explica, co goberno de Pedro Sánchez, “cando sae a licitación, xunto á aprobación e creación da cuarta sala do xulgado do Social”. Pero, sinala Bugallo, o orbital debe ser complementado co “orbitaliño”, que sería a conexión coa estrada Santiago-Coruña. “Unha obra dun investimento de 6 millóns de euros, pero moi importante, para que funcione de xeito eficaz o conxunto da rede viaria de Santiago”.

Outro tema fundamental para Bugallo: a política de vivenda, ante a subida do prezo de aluguer e a “insuficiencia de oferta”, con solares de titularidade municipal en Santiago sen construír “que se poden destinar a vivenda protexida en réxime de aluguer para os máis xóvenes”. Aí é fundamental, segundo o candidato, o “Plan Nacional de Vivenda” de Pedro Sánchez, ao que queremos acollernos, vital tamén para “as políticas de rehabilitación que queremos estender ao conxunto do termo municipal. E, continúa “ asumimos o compromiso de por en funcionamento “os solares municipais en San Lázaro, O Castiñeiriño, e Volta do Castro”. Se gobernamos, engadiu, “nuns anos alí estarán vivindo centos de xóvenes”.

Pilar Cancela

Pilar Cancela comezou a súa intervención explicando por que o PSOE decidiu presentar unha moción de censura. Un factor importante nesa decisión “a redistribución da riqueza”. E destacaba como o goberno de Pedro Sánchez foi capaz, con só 84 deputados, de sacar adiante unha batería de medidas para “reverter as políticas de regresión” do PP”. A número 1 da lista do PSOE pola Coruña sinalou que o executivo de Sánchez é “o goberno que mellor representa á sociedade e ao potencial da sociedade”. Facilitou datos en materia de emprego. Asegurou que o mes de marzo, con “503 empregos por día en Galicia”, fora o “máis positivo” desde 2008. Destacou tamén os máis de 19 millóns de cotizantes á seguridade social e que España medra por riba da Unión Europea”.

Ese reparto de crecemento económico, levou, segundo explicou Cancela, “a subir o salario mínimo interprofesional, e a suba de pensións que indicou, na nosa comunidade “son as máis baixas do estado”. Por iso considera clave que se “consolide o seu incremento en relación ao IPC”. E iso acompañado di, “dos piares fundamentais que quedan do estado de benestar: a sanidade pública e a educación pública”. En relación á sanidade, sinalou que “o laboratorio que ten posto en marcha o Sr. Feijoo, non é precisamente o mellor xeito de ser bo xestor e de xestionar o público”.

Cancela tamén destacou que “nestes dez meses, este goberno de Pedro Sánchez ten feito máis polas reivindicacións históricas de Santiago e polas necesidades fundamentais desta cidade”, que os sete anos de executivo do PP. Citou, en concreto, a aprobación e creación da nova sala do xulgado do Social, e a licitación do orbital nos que a continuación, afondou Sánchez Bugallo.

Preguntada sobre como está transcorrendo a campaña das eleccións xerais, Cancela indicou “que as partidas sempre se xogan ata o último minuto, e a veces ata no minuto de desconto”. Nestes días que quedan, engadiu, “imos seguir desenvolvendo a campaña que estamos facendo, unha campaña en positivo, propositiva”. Recoñece que hai incertidume, sobre o que aconteza o domingo, pero “nós o que pretendemos é ter o mellor resultado posible, o máis amplo posible, que nos permita gobernar en solitario, cunha folla de ruta progresista e socialista, como a destes últimos meses”. A pesar da minoría no Congreso, “os resultados están aí”. Cancela sinala que se “tomaron moitos acordos, puxéronse en marcha moitas medidas, e cando o bloque das dereitas nos impediu acordar máis cousas, o goberno gobernou, asumiu a súa responsabilidade, e a través dos Reais Decretos, sacaron adiante medidas de alto contido social para a cidadanía.” Estamos, continúa “traballando nestes últimos días explicando cal é o noso modelo de país, o noso modelo de sociedade que queremos. Finalizou subliñando que “dependemos de nós mesmos, non de outros, e ese é o traballo que queda por diante”. 

Comentarios