A Rede de Plataformas reúnese con candidatos ao Congreso

A Rede de Plataformas reúnese con candidatos ao Congreso
A Rede de Plataformas reúnese con candidatos ao Congreso

O obxectivo foi pedir medidas políticas concretas que poñan freo ao espolio e á contaminación

A Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre reuniuse cos candidatos ó Congreso pola provincia de A Coruña para as próximas elección do 28-A. O encontro centrouse en trasladarlles ós candidatos ó Congreso as 18 propostas políticas concretas que os 9 colectivos** que conforman a Rede de Plataformas, confeccionaron para este encontro.

Asistiron á esta reunión convocada pola Rede de Plataformas: Ana Seijas, candidata número un por En Marea, Néstor Rego, candidato número un por BNG, Pablo Arangüena, candidato número dous polo PSdG, e Alberto Prieto, candidato número catro de En Común Unidas Podemos. Tamén asistiron representantes de Ciudadanos Galicia (María José García Hidalgo), e de Compromiso por Galicia (representados por Silvia Suárez e Manuel Calvo). A gran ausencia foi a do Partido Popular que non asistiu ao encontro con ningún representante, con todo, a Rede de Plataformas mantivo o seu asento libre ata o último momento.

No encontro tivo lugar unha exposición sintetizada dos problemas de cada plataforma a través da proxección dunha versión curta da reportaxe-documental “Redes contra a política do espolio” de Xose A. Bocixa Rei, e a continuciación realizouse unha lectura atenta ó dossier confeccionado en consenso polas 9 plataformas, especialmente para a ocasión, con 18 propostas políticas concretas.

Os representantes de grupos políticos non realizaron declaracións oficiais, mais, no final do encontro mantiveron conversas cos diferentes representantes das plataformas. Tamén se comprometeron a facer entrega por escrito, á Rede de Plataformas, de todas as medidas medioambientais e sociais relacionadas coas causas que cada grupo promete levar a cabo na próxima lexislatura.

ENTREGA DO DOSSIER CON 18 PROPOSTAS POLÍTICAS CONCRETAS

A Rede de Plataformas elaborou, específicamente para a ocasión, un dossier no que se resume as numerosas dificultades e esixencias que as organizacións cidadás deben sortear no momento de denunciar un posible delito medioambiental ou contra a saúde pública. Neste dossier tamén se contemplan 18 propostas políticas concretas para que os candidatos asuman e eleven ó Congreso de Diputados, en canto teñan ocasión.

Entre estas propostas destacan iniciativas moi fundamentais como: facilitar a transparencia e o acceso real a toda a información relativa ao medio ambiente; obrigar a que se teñan en conta os impactos acumulados por distintos proxectos dentro do mesmo territorio, ou endurecer as multas por delitos medioambientais para que contaminar non compense.

EMPRESAS DO LIXO MERCAN OS DEREITOS MINEIROS PARA CREAR VERTEDOIROS

Fíxose especial fincapé na situación galega da xestión do lixo. Especialmente na situación derivada tras a subasta pública de 270 canteiras abandonadas nas provincias de A Coruña e Pontevedra. Unha gran parte delas foron adquiridas por empresas do sector do lixo. A Rede de Plataformas denuncia que se estas canteiras son destinadas a vertedoiros de lixo, converterán a Galicia nun auténtico vertedoiro, con capacidade para importar lixo, xustificando así, unha falsa restauración. Por esta razón, no dossier mencionado, no Anexo 2, a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre elabora a proposta de modificación lexislativa específica para o Real Decreto 975/2009, que ademáis, entende, debe realizarse de forma urxente.

**Os 9 colectivos que conforman a Rede de Plataformas de Compostela-Ulla-Tambre na actualidade son:

- Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON

- Plataforma pola Recuperación do Sar

- Plataforma Casalonga limpa de residuos

- Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes

- Non aos parques eólicos na comarca de Ordes

- Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde

- Comisión de seguimento da minaría e defensa do rural Mesía-Frades

- Asociación de afectados polo vertedoiro de Lesta

- Plataforma Salvemos as fragas de Catasós


Comentarios
Lo más