Paco Roncero será o pregoeiro oficial da XXVIII Festa do Melindre

Paco Roncero será o pregoeiro oficial da XXVIII Festa do Melindre
Paco Roncero será o pregoeiro oficial da XXVIII Festa do Melindre

A alcaldesa de Melida, Dalia García, acercouse esta mañá a Santiago para presentar a XXVIII Festa do Melindre

Esta mañá o Café Casino de Santiago de Compostela acolleu a presentación da XXVIII Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide. A alcaldesa da localidade, Dalia García, estivo acompañada do concelleiro Benito Nebril, do presidente de Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez, e de dous reposteiros do obradoiro A Tahona.

A festa que se celebrará, como ven sendo habitual, no segundo fin de semana de maio (11 e 12 de maio) terá como pregoeiro e figura máis importante do cartel ao coñecido chef Paco Roncero, galardoado con dúas estrelas Michelín.

Este ano a Festa do Melindre nomeará novos embaixadores que se comprometen a poñer en valor e dar a coñecer os doces da comarca melidense. Neste 2019, haberá oitos persoas galardoadas no mundo da cultura, deporte ou da gastronomía: Marcos Pereiro, actor galego que este ano celebra o 15 aniversario do dúo cómico As Canteiras de Ardebullo; a reposteira e influencer Isabel Pérez, máis coñecida como Aliter Dulcia; o triatleta gañador de tres copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista Jorgue Guitián; a directiva de aceites Abril Elena Pérez; os chefs María Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

PROGRAMA VARIADO

A Festa comezará o sábado 11 coa apertura dos stands ás 12:00 horas e coa animación musical coa Charanga Ardores. Sobre as 19:30 horas o chef Paco Roncero fará un showcooking doce na Viñoteca Ribeirao. As 22:00 horas é quenda da música coas actuacións de Claudio Spadi, La Penúltima (banda tributo a Sabina) e o grupo galego Gin Toni's.

O domingo ás 12:30 horas será o momento no que Paco Roncero fará o pregón oficial da festa para despois facer entrega dos títulos de nomeamento de embaixadores da XXVIII Festa do Melindre. A presentadora da TVG, Lucía Rodríguez, será a encargada de levar toda a gala. Durante toda a tarde será momento de poder gozar da animación nas rúas para rematar ás 20:00 horas coa actuación musical do grupo galego Milladoiro, na Praza do Convento.

UNHA FESTA DE MOITA TRADICIÓN

Pese a que esta festa lévase celebrando de forma oficial dende 1991, a tradición do melindre, amendoado e rico ven de moitas xeracións anteriores, dos avós e de máis atrás tal como declarou Alberto Rodríguez, presidente de Melide Terra Doce. Hai rexistros que falan de 200 anos de historia na comarca melidense.

A festa foi declarada como de interese turístico de Galicia no 2013 e ano tras ano segue a aumentar as súas visitas xa que o ano pasado tivo 20.000 persoas que pasaron polos stands da feira. 

Comentarios