Os alevíns de Bertamiráns proclámanse campións da súa categoría na Fase Intercomarcal de Xadrez celebrada en Negreira

Os alevíns de Bertamiráns proclámanse campións da súa categoría na Fase Intercomarcal de Xadrez celebrada en Negreira
Os alevíns de Bertamiráns proclámanse campións da súa categoría na Fase Intercomarcal de Xadrez celebrada en Negreira

O domingo 7 de abril, o pavillón deportivo municipal Pedra Mámoa de Negreira acolleu unha das fases intercomarcais do campionato Xogade de Xadrez

O domingo 7 de abril, o pavillón deportivo municipal Pedra Mámoa de Negreira acolleu unha das fases intercomarcais do campionato Xogade de Xadrez. Dito torneo contou coa participación de arredor de 70 nenos e nenas nas categorías benxamín, alevín e infantil. O equipo de Bertamiráns acadou o primeiro posto da categoría alevín, despois dunha dura partida contra o club Brétema. Os primeiros clasificados nas fases intercomarcais participarán o vindeiro 4 de maio no Campionato Provincial de Xadrez na Coruña.

A través da campaña de actividade lúdico-deportiva XOGADE, a Xunta de Galicia busca que os nenos e nenas practiquen e compitan con clubs e colexios de todo o territorio galego co obxectivo de fomentar e estender o deporte educativo e saudable entre os cativos/as. Así, nesta iniciativa teñen cabida actividades como baloncesto, fútbol sala, natación, xadrez, bádminton, judo, etc.

Ao abeiro deste programa, o domingo 7 de abril desenvolveuse en Negreira unha das fases intercomarcais do campionato de xadrez, na que participaron equipos da comarca do Barbanza e dos municipios de Cee, Padrón, Boiro, A Baña, Portomouro, Negreira e Ames. Durante o campionato participaron arredor de 70 nenos e nenas das categorías benxamín, alevín e infantil. Os clasificados acudirán o próximo sábado 4 de maio ao Campionato provincial de xadrez, que se disputará no complexo deportivo Elviña da Coruña.

Así, durante a xornada o equipo de Bertamiráns, formado por Hugo, Noel, Nico e Pedro; conquistou o primeiro lugar da categoría alevín nunha partida na que se enfrontaron ao club Brétema. Se ben o grupo amesá comezou a última partida medio punto por debaixo da puntuación acadada polo Brétema ata ese momento, durante esta última ronda o Bertamiráns conseguiu alcanzar o primeiro posto ao gañar 3-1 ao equipo de Barbanza.

Así, nesta categoría a clasificación está encabezada polo Bertamiráns, seguido polo Brétema no segundo lugar, o Padrón no terceiro, e o Negreira no cuarto posto. O quinto posto foi para o Manuela Rial de Cee, mentres que o sexto e o sétimo foron para os equipos de Boiro e A Baña, respectivamente.

Por outra banda, o equipo Brétema si acabou á cabeza da clasificación da categoría benxamín, seguido polo Manuela Rial no segundo posto, o Negreira no terceiro, o Portomouro no cuarto e o Boiro no quinto lugar. No tocante á infantil, o Brétoma proclamouse de novo gañador, mentres que o Padrón acadou o segundo posto e o Negreira o terceiro.

Esta fase intercomarcal disputouse co sistema de liga por equipos ou, se o número de equipos o aconsella, por eliminatorias a un só encontro. En calquera de ambos casos, consistirá nun enfrontamento a catro taboleiros por equipo.

Xadrecistas de Ames no Campionato Galego

O Hotel Scala de Padrón acolleu o Campionato Galego de xadrez entre o 13 e o 15 de abril. No encontro participaron xadrecistas de todas as idades, dende participantes do sub-08 ata da categoría absoluta. Entre eles cinco xogadores/as do concello de Ames, todos eles pertencentes ao Millarengo Cultura.

Así, na categoría sub-12 destaca a participación de Hugo Domínguez e Pedro Jesús Varela, que acadaron os postos 5 e 56 na clasificación final. No tocante á categoría sub- 10, o xadrecista Noel Casares acadou o 9 lugar, mentres que os seus compañeiros Roi Extévez e Iria Varela conseguiron a 32 e 33 posición na táboa de clasificación da categoría sub-08.


Comentarios