A cantora Uxía premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona

A cantora Uxía premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona
Foto de arquivo
A cantora Uxía premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona

O galardón deuse a coñecer o 25 de abril data referencial para toda a Lusofonía

O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” á cantora galega Uxía.

A resolución do xurado, dada a coñecer no simbólico 25 de abril portugués, pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRi[t]mar galicia e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído á divulgación da música e da poesía galego-portuguesa actuais, para achegar a cultura e a lingua dos dous países, ao abeiro da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa Lusofonía, e teña tendido pontes de amizade entre os pobos lusófonos.

Segundo o xurado, Uxía é a embaixadora e pioneira da amizade galego-lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música e que co seu traballo delongado leva aberto novos e múltiples camiños na restauración das pontes dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galicia e a Lusofonía, cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural.

Na gala aRi[t]mar galicia e portugal desta edición que se celebrará no último trimestre deste ano, estarán convidados a participar a banda Os Azeitonas, seleccionados como autores da mellor música portuguesa do ano (“Efeito do Observador”) e Tanxugueiras , mellor banda musical galega por “Que non mo neguen”, xunto coas persoas gañadoras do certame de poesía e da própia Uxía.

Ademais, permanece aberto o prazo para as votacións do amentado certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até ao 20 de maio, por tres poemas da Galicia e tres de Portugal na web do proxecto aritmar ou através da aplicación para dispositivos móbiles de Android ou ios.

As poesías finalistas desta edición son as galegas: Polinizándome, Andrea Nunes/María Rosendo, Diáspora do amor; os estorniños cobren a vila, Carlos Lixó, As casas; A memoria, Celso Fdez. Sanmartín, A cama do meu avó; LISTA DA COMPRA DA VIÚVA, Emma Pedreira, Antídoto; perderei a cabeza, Lara Dopazo, Claus e o alacrán; fasme amor, Laura Ramos Cuba, A situación actual; Quen te tirou da burra, Lucía Aldao, Todo isto antes era noite; XA NON SON QUEN, Marta Dacosta, Labirinto ou memoria; TAN LONXE non está o mar, Pilar Pallarés, Tempo fósil; e isso é o amor, Susana Sanches Aríns, Tu contas e eu conto; e as portuguesas: HOTEL EM CASA, Adília Lopes, Estar em Casa; É com palavras que te vou guardar, Alice Vieira, Olha-Me como Quem chove; Perturba-me a ideia de morreres, Aurelino Costa, Gadanha; Nómadas, João Luís Barreto Guimarães, Nómada; CASTANHAS: UMA DÚZIA, DOIS EUROS, José Alberto Oliveira, De Passagem; FACHADA, Marta Chaves, Varanda de Inverno; I. CLIPE PARA TODOS (FOLHAS UNIDAS JAMAIS SERÃO PERDIDAS), Rosa Alice Branco, Traçar um nome no coração do branco; AULA DE ARQUEOLOGIA, Tatiana Faia, Um quarto em Atenas; vou sempre trocar-te, Valter Hugo Mãe, Publicação da Mortalidade; Existe um elemento, Vasco Gato, Um Passo Sobre a Terra.

aRi[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesiona da Xunta de Galicia, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galicia e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2017. A finais de outono os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.

Comentarios