Stefan Schilli dará unha masterclass aos alumnos da EAEM

Stefan Schilli dará unha masterclass aos alumnos da EAEM
Stefan Schilli dará unha masterclass aos alumnos da EAEM

As clases celebraranse o xoves día 2 en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas; e o venres 3 de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional.

Esta semana contarase coa presenza do aclamado oboísta alemán Stefan Schilli. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o xoves día 2 en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas; e o venres 3 de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

SOLISTA CON 20 ANOS NA SINFÓNICA DA RADIO BÁVARA

Stefan Schilli estudou nas Escolas Superiores de Música de Trossingen e Karlsruhe (Alemaña) antes de ser nomeado oboísta solista da Orquestra Sinfónica da Radio Bávara en 1991, cando tan só tiña vinte anos de idade. En 1996 gañou o Concurso Internacional da Primavera de Praga e o Concurso de Música ARD, despois de obter o Premio Nacional de Música de Alemaña en 1993.

Como solista ten tocado cos directores máis recoñecidos. Realizou frecuentes xiras polo sueste asiático, Estados Unidos, Rusia e toda Europa. Ademais, foi profesor na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Gravou varios cedés e realizou numerosas gravacións para a televisión.

Durante moitos anos o músico dedicouse tamén a actuar con óboes históricos e é membro fundador do conxunto barroco L’Accademia Giocosa, que foi premiado co prestixioso Diapason d’Or pola súa gravación de obras instrumentais descoñecidas. 

Comentarios