Os socialistas levan ao Parlamento o veto na CRTVG á concesión do premio José Couso á plataforma

Os socialistas levan ao Parlamento o veto na CRTVG á concesión do premio José Couso á plataforma
Foto de arquivo
Os socialistas levan ao Parlamento o veto na CRTVG á concesión do premio José Couso á plataforma

Noela Blanco denuncia as ameazas de sanción aos profesionais da CRTVG que sigan os “venres negros” e que vistan prendas co lema da plataforma

Noela Blanco Rodríguez e Julio Torrado Quintela, deputada e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG.

A CRTVG está a vivir un preocupante deterioro nos últimos anos, con graves consecuencias para o pluralismo ideolóxico e social, o que ten motivado numerosas protestas dos e das profesionais das canles públicas galegas, de colectivos sociais, e dos propios grupos da oposición. Son moitos os exemplos das mobilizacións, todas elas cun amplo seguimento, levadas a cabo polos traballadores e traballadoras da CRTVG: os venres negros, unha gran manifestación o 8 de setembro de 2018 en Santiago de Compostela, paros parciais durante o mes de novembro, e unha folga os días 19 e 22 de decembro.

Na CRTVG vense rexistrando dende o último ano unha elevada conflitividade laboral ,acrecentada pola política de hostigamento cara os traballadores e traballadoras, a través da apertura de expedientes disciplinarios a profesionais das canles públicas que de maneira continuada durante case un ano levan denunciando a través dos venres negros, a manipulación da radio e televisión públicas galegas. Neste contexto, dende o grupo socialista tiñamos coñecemento recentemente de que a dirección da CRTVG, lonxe de rectificar a súas políticas de represión, da un paso máis a través dunha nota interna enviada ao persoal, prohibíndolles vestir a camiseta negra co slogan #DefendeAGalega que levan cada venres negro dende hai case un ano en sinal de protesta contra a presión e manipulación da canle como consecuencia da inxerencia política do Goberno de Feijóo.

Segundo di esta nota interna da CRTVG dirixida ao seu persoal, "a aparencia persoal debe ser o máis despreocupada e neutral posible", e baixo eses preceptos tamén descarta que os traballadores e traballadoras poidan vestir calquera símbolo representativo da súa afinidade política, sindical, social ou deportiva. De non cumprirse as normas, a dirección avisa de que “poderá tomar medidas disciplinarias contra os seus traballadores”

Por todo o exposto, a deputada e o deputado que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate en Comisión:

1. Por que enviou recentemente ao persoal unha nota interna sobre a “actuación dos traballadores e traballadoras da CRTVG”?

2. Preténdese prohibir a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG que vistan cada venres negro a camiseta co slogan #DefendeAGalega?

3. Ten previsto a CRTVG impoñer sancións aos e ás profesionais que levan cada venres negro dende hai case un ano vestindo a camiseta negra co slogan #DefendeAGalega?

4. Por que cre que os traballadores e traballadoras da CRTVG veñen denunciando dende case un ano a manipulación na radio e televisión públicas galegas?

5. Ten previsto a CRTVG mudar a súa política represiva e de hostigamento cara aqueles traballadores e traballadoras que de maneira reiterada, veñen denunciando a manipulación informativa nos medios de comunicación públicos galegos?

Comentarios
Lo más