A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON fala coa conselleira de Medio Ambiente

A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON fala coa conselleira de Medio Ambiente
A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON fala coa conselleira de Medio Ambiente

Mentres a conselleira de Medio Ambiente comprométese a recibir aos veciños de Touro e O Pino, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirma a anulación da autorización ambiental e da autorización mineira na mina de Riotinto en Huelva

Onte soubose a noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, estimatoria da demanda de Ecoloxistas en Acción, que anula a resolución de 2015 pola que a Junta de Andalucía autorizaba o reinicio dos traballos e do plan de explotación da mina que Atalaya Mining opera en Riotinto (Huelva). En consecuencia, a multinacional chipriota, que tamén pretende iniciar a explotación de cobre e prata nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa non conta con autorización ambiental nin con autorización mineira para seguir funcionando en Andalucía.

Trátase, sen dúbida, dun duro pau para Atalaya Mining, cuxas accións na Bolsa de Londres ao peche de hoxe descenderan un 10% o seu prezo.

Esta noticia coincide coa fugaz visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, onte á mañá a Touro e O Pino para “manter unha reunión de traballo cos rexedores municipais na que repasaron os proxectos comprometidos pola Consellería”, como recolle a web da Xunta, onde se puido coñecer que un deses proxectos é o de canalización do rego Portapego ao seu paso pola capital municipal de Touro, cuxos desbordamentos constantes e contaminación son provocados polas actividades levadas a cabo na antiga mina de Touro.

A Xunta de Galicia vai investir o 70%, case 60.000 € do erario público, en arranxar os danos ao medio causados pola empresa privada promotora do proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, mentres que o concello de Touro pagará o 30% restante.

Membros da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, ao saber que a conselleira estaba en Touro, aproveitaron a ocasión para tentar falar con ela, o que incomodou ao alcalde Ignacio Codesido, quen non quixo aclarar os motivos desta visita oficial. Finalmente, a conselleira escoitou aos veciños, que lle expuxeron a súa preocupación tanto pola situación da antiga mina como polo novo proxecto mineiro, cuxo expediente está actualmente na Consellería de Medio Ambiente, á espera da emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Así mesmo, lembráronlle a súa ausencia de contestación ás diversas peticións de reunión enviadas desde outubro de 2017, cando aínda era conselleira de Medio Rural. Neste sentido, Vázquez comprometeuse a vir de novo a

Touro a ver o estado actual da mina e a reunirse cos veciños de Arinteiro, os máis próximos á explotación, para coñecer de primeira man o que están a vivir. Tamén asegurou que se preocuparía máis polas verteduras e as múltiples denuncias veciñais, así como polo funcionamento da estación de medición móbil dos cheiros da empresa TEN.

No que se refire ao estado do rego Portapego, o alcalde de Touro volveu recoñecer que desde o peche da mina o seu estado é desastroso pero, aínda así, segue sen querer responsabilizar á empresa dos danos causados e opta por empregar o diñeiro das veciñas e veciños e non “molestar” a Cobre San Rafael.

Comentarios
Lo más