O CiTIUS especializa a súa actividade investigadora no eido das tecnoloxías intelixentes

O CiTIUS especializa a súa actividade investigadora no eido das tecnoloxías intelixentes
Foto de arquivo
O CiTIUS especializa a súa actividade investigadora no eido das tecnoloxías intelixentes

Carmen Pomar destacou a importancia nestes avances do capital humano do modelo de investigación universitario de Galicia


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou na presentación da nova identidade do CiTIUS (da Universidade de Santiago de Compostela) como Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, converténdose así no único existente en Galicia, e un dos tres a nivel nacional. Esta nova denominación supón a especialización da actividade investigadora deste centro –acreditado pola Xunta como agrupación estratéxica consolidada– no eido das tecnoloxías intelixentes.

Carmen Pomar salientou o avance do CiTIUS desde a súa creación en 2010 tanto na súa actividade e estrutura investigadora como a nivel de transferencia de coñecemento. Non en balde, a súa acción dos últimos anos está avalada por 15 licenzas de software e 2 spin-offs, así como pola colaboración con numerosas empresas globais e da contorna.

A conselleira quixo facer fincapé na importancia do capital humano da investigación universitaria galega, en especial nas estruturas. “O voso talento, de científicos do máis alto nivel, é o que fai que os centros nos que traballades sexan os máis excelentes do Sistema Universitario de Galicia”, dixo.

Neste sentido comprometeuse a que o seu departamento siga traballando, como xa o está a facer, da man dos investigadores para enriquecer o modelo de investigación universitaria en Galicia, “darlle visibilidade internacional e dotalo aínda de máis talento”. O obxectivo é que o investimento que Galicia está a facer en investigación universitaria “sexa revertido en forma de transferencia de coñecemento para o crecemento e benestar para o conxunto da sociedade”, rematou.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes centrará a súa actividade neste ámbito, que presenta un crecente impacto socioeconómico en sectores como a industria 4.0, a enerxía e medioambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou o sector financeiro e de seguros, entre outros. Actualmente no CiTIUS desenvolven a súa actividade de I+D máis de 100 investigadores, entre os que figuran 31 investigadores senior que foron seleccionados por unha Comisión Científica Externa.

No acto de presentación participaron tamén o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o director científico do novo CiTIUS, Senén Barro; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Comentarios