Sinatura de libros, concertos e recitais poéticos no II Mercado do Libro e da Artesanía da Festa do Banquete

Sinatura de libros, concertos e recitais poéticos no II Mercado do Libro e da Artesanía da Festa do Banquete
Sinatura de libros, concertos e recitais poéticos no II Mercado do Libro e da Artesanía da Festa do Banquete

Trátase da segunda edición deste mercado, que se celebra ao abeiro da Festa do Banquete, "unha iniciativa transversal onde participan diversos departamentos do Concello, incluído Comercio"

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou os detalles do Mercado do Libro e a Artesanía, que terá lugar na praza Aurelio Aguirre (diante do Centro Cívico de Conxo) durante a fin de semana do 4 e 5 de maio.

Trátase da segunda edición deste mercado, que se celebra ao abeiro da Festa do Banquete, "unha iniciativa transversal onde participan diversos departamentos do Concello, incluído Comercio", segundo explicou Marta Lois. O mercado abrirá de 11:00 a 14:00 horas o sábado e o domingo e de 17:00 a 21:30 horas o sábado, con peche ás 20:30 horas o domingo. No mercado "haberá tamén un panel explicativo onde as persoas que nos visiten terán a oportunidade de coñecer a diferenza entre os comercios existentes en Conxo en 1856 e na actualidade", engadiu.

No Mercado do Libro e da Artesanía participarán un total de 19 expositores: dez librarías de Compostela (Os mundos de Carlota, Carlos Meixide, Irmás Cartoné, aCentral Folque, Chan da Pólvora Libraría, Alvarellos Editora, Librería Palacios, Cris Cras Crus, María Meijide e Librería Tirana) e nove obradoiros de artesanía procedentes de toda Galicia. Participarán o ceramista Manuel Figueiras, de Muros; o encaixe MiñaMena Encaixes de Autora, de Muxía; Imprime3D da Coruña, que achegarán o regalo orixinal; o coiro compostelán de El Taller de Fer; o téxtil ourensán de Mamaié; os complementos de Cerámica da Ulla, de Vedra; a madeira de Roberto Figueira, procedente de Rianxo; as xoias teenses de Ferraxe de Prata e os instrumentos de Iago Salgado, tamén procedente de Teo.

Actividades

Ademais das librarías e das artesás e dos artesáns que formarán parte do mercado, este completarase con numerosas actividades para persoas adultas e crianzas así como con xogos populares en horario do mercado. Así, o sábado, ás 12:00 horas, estrearase o documental Pacto de irmaos. Os primórdios da lingua no Centro Cívico de Conxo e, media hora máis tarde, haberá a primeira sinatura de libros a cargo da ilustradora de libro infantil Blanca Millán no stand da Librería Palacios. Ás 13:00 horas, Os Quinquilláns ofrecerán o seu espectáculo de monicreques que leva por nome De Carral a Conxo e, ao remate, Trópico de Grelos ofrecerá unha batucada en sesión vermú.

Xa o sábado pola tarde (ás 18:00 horas), o escritor Martiño Suárez asinará exemplares do seu libro Bestiario do vestiario, segundo tempo, no Espazo Editorial Carlos Meixide. Ás 18:30 horas será a quenda da presentación do xornal Novas da Galiza, unha experiencia xornalística dende abaixo, con Charo Lopes e Xoán Sampedro, de Chan da Pólvora Libraría. O sábado remata coa conferencia "A galicia de Chané", de Sixto Gómez, e co concerto de Os Novos" ás 19:30 horas.

O domingo á tarde continúan as actividades no mercado. Ás 18:00 horas, coa presentación e sinatura de exemplares do libro Unha matanza esquecida, de Severino Fernández, na Libraría Palacios. Ás 19:00 horas, aCentral Folque acolle a presentación do libro do compostelán Sergio Cobos que leva por nome Bailegramas, o aperitivo perfecto para o recital poético Polvorín de Versos, que acollerá Chan da Pólvora Libraría ás 19:30 horas, con Serxio Abalo, Lucía Novas, Belén Senín e Regina Touceda.

As actividades rematan cun concerto de peche a cargo de A Companhia do Ruído ás 20:30 horas, que virá precedido dunha chocolatada na praza de Aurelio Aguirre.

Comentarios
Lo más