A “Literatura na praza” clausura a Semana do Libro 2019 en Ames

A “Literatura na praza” clausura a Semana do Libro 2019 en Ames
A “Literatura na praza” clausura a Semana do Libro 2019 en Ames

Ao longo da tarde desenvolveuse a iniciativa “Literatura na Praza”, formada por diversas actividades como obradoiros ou espectáculos poéticos e musicais, dirixidos a todas as idades

A praza do concello de Bertamiráns acolleu este sábado, 26 de abril, as celebracións finais organizadas en Ames co gallo do Día do Libro. Así, ao longo da tarde desenvolveuse a iniciativa “Literatura na Praza”, formada por diversas actividades como obradoiros ou espectáculos poéticos e musicais, dirixidos a todas as idades. Como anos anteriores, realizouse tamén unha exposición, venda e presentación de libros, entre eles o do XV Certame Literario Concello de Ames. A encargada de comezar dita presentación foi a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero.

O Concello de Ames celebrou este sábado a iniciativa Literatura na Praza, acto central da Semana do Libro amesá. As actividades comezaron ás 17.00 horas, momento no que botou a andar a exposición e venda de libros, que este ano foi realizada da man de Follas Novas e Brazolinda. Tamén se habilitou un “recuncho da lectura”, que nesta edición buscou darlle visibilidade a obras escritas da man de mulleres, e organizouse un obradoiro de flores impartido polo persoal das bibliotecas municipais, que ensinaron como elaborar flores partindo de follas de papel. Estas actividades estendéronse ata as 20.30h.

Por outra banda, ás 17.30h tivo lugar a presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XV Certame Literario Concello de Ames no salón de plenos da Casa do Concello. A presentación desta obra, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame, tanto en prosa como en verso, contou coa participación de Isabel Vaquero, concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística de Ames.

A esa mesma hora, os cativos e cativas puideron gozar co contacontos teatralizado O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, a cargo do Teatro Calavera. A continuación deste conto, no que se conta a historia de amor entre Antón e Tomasa e as súas habilidades na cociña, organizouse un obradoiro de decoración de madalenas para poñer a proba as dotes culinarias das nenas e nenos.

A programación continuou ás 18.30 horas cunha mesa redonda sobre a literatura actual e os autores locais. Na actividade interviñeron a escritora, ensaísta e investigadora María López Sández; o periodista, escritor, editor e profesor Víctor Freixanes; e o poeta e docente Carlos Negro.

Por último, ás 19.00 horas, esta edición de Literatura na praza rematou coa actuación do músico e actor Paco Nogueiras en Brinca Vai! De aquí a acolá. O espectáculo, baseado no libro CD Brinca Vai!, combinou divertidas cancións, animacións e interpretacións con temas como a alegría, a amizade, os libros, a ecoloxía, as festas populares e o respecto á lingua.

Así, as iniciativas realizadas a tarde do sábado puxeron o punto e final a unha semana chea de actividades, cunha programación composta por varias sesións de contacontos, obradoiros, representacións e presentacións de libros.

Comentarios