Bugallo cualifica de histórico o resultado acadado polo PSOE en Santiago

Bugallo cualifica de histórico o resultado acadado polo PSOE en Santiago
Bugallo cualifica de histórico o resultado acadado polo PSOE en Santiago

“Trasládanos credibilidade no proxecto que presentamos á cidadanía”

O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualificou “de históricos”, os resultados acadados polo PSOE. Subliña que é a “primeira vez en democracia, na historia, que o Partido Socialista gaña unhas eleccións en Compostela nunhas eleccións xerais”. Asegura Bugallo que esta vitoria “danos un enorme impulso. Trasládanos enerxía e credibilidade no proxecto que presentamos ante o conxunto de cidadáns”. E traslada unha reflexión: “diría que é o triunfo das opcións centradas”.

Para Bugallo, estes 123 escanos acadados polo PSOE amosan que “a cidadanía o que quere son solucións e non conflitos. Tamén queda claro, indica, “que os cidadáns, cando pensan en clave de país, cando pensan no que queren para a súa cidade, miran para nós. E iso énchenos de responsabilidade, pero tamén de satisfacción”. “Os cidadáns de Santiago”, continúa o candidato, “votaron pensando no que era mellora para o país, pensando no que era mellor para Compostela”. E engade, “para nós, pensar que Pedro Sánchez segue á fronte do goberno, é unha garantía”, porque “iso nos permite pensar en ter un goberno en Madrid que sexa coñecedor e partícipe do proxecto de cidade”.

Para Bugallo, “precisamos un goberno que aposte por un programa de actividades culturais, un programa de promoción de Compostela para o ano 2021 centrado no que a cidade necesita”. Argumenta: “non é que plantexemos un conflito, pero sabemos que de outro xeito, todo vai centrado nos criterios da Xunta, que poden ser complementarios dos de Santiago, pero non son os de Santiago. Non son as preocupacións nin son os criterios que nós defendemos para a nosa cidade”. Para o candidato á alcaldía, “á hora de considerar un proxecto que necesariamente ten que convocar o Real Padroado, que ten que reflotar o Consorcio, hoxe en mínimos; e que ten que redefinir un programa de cidade para a próxima década, é evidente que ninguén vai estar en mellores condicións que nós para xestionalo, dirixilo e para recabar os apoios necesarios no ámbito da administración estatal, que é a que financia o sesenta por cento do Consorcio e o sesenta por cento da programación do Ano Santo”.


Fracaso dos extremismos

O resultado, afirma o candidato á alcaldía compostelá, evidencia, “un fracaso, maior nuns casos que noutros, daqueles partidos que non están centrados. Ou porque se foron moi á dereita, como no caso do PP, unha estratexia que Bugallo considera errónea, “porque se equivocou ao abandonar o centro e dirixir todos os seus esforzos nesa competencia con Vox”. E tamén evidencia, engade Bugallo, o fracaso de grupos como Unidas Podemos que, di “a cidadanía non considera que teña demostrado unha capacidade real para resolver os seus problemas”. Os cidadáns, segundo Bugallo, “demandan solucións e xente que traballe ao seu servizo, tanto dos que os votan como dos que non, e que traballen polo ben común. E nós ofrecemos a maior garantía nese sentido”.

O que queda confirmado para Bugallo é que nas eleccións municipais hai dúas opcións “o día 26 de maio decidiremos se o Sr. Noriega segue sendo alcalde de Santiago e Compostela Aberta continúa gobernando esta cidade; ou se hai cambio e o alcalde pasa a ser Xosé Sánchez Bugallo”.

Preguntado sobre a extrapolación dos resultados das eleccións xerais ás municipais, Sánchez Bugallo responde que “non creo que haxa un transvase mecánico dunha opción a outra”. Pero o que si cre, é que esa vitoria socialista “traslada unha enorme credibilidade no que representa o noso proxecto. Representamos un proxecto centrado na cidade, que ten como eixo fundamental da súa actuación non facer grandes campañas políticas nin confrontación con outras institucións públicas”. Sinala o candidato que o obxectivo é “traballar para a Santiago, cun proxecto centrado e transversal que evita extremos, que busca que o conxunto da cidadanía, independentemente do que voten, se poida sentir cómodo e poida ver satisfeitas as súas necesidades e aspiracións”.

Na súa análise, o candidato á alcaldía de Santiago sinala, como evidencia, a “notable” perda de confianza da cidadanía en Compostela Aberta e nas Mareas, “de case o 40% dos electores”, que xa se evidenciaba “nas enquisas que manexabamos”. Unha cidadanía, engade, que “pode ver na candidatura que encabezo unha opción crible e con experiencia acreditada. E por parte de outros que apoiaron a opción de Agustín Hernández, “o que teñen agora é unha comprobación práctica de que non xoga este partido. Non está na final. A aspiración do PP é salvar os mobles”. Considera Bugallo que “o que hoxe necesita é refacerse. Nunha sociedade cambiante, os partidos políticos e os candidatos temos todos que reformularnos e readaptarnos ás demandas e necesidades da cidade. E hoxe o PP necesita un tempo, un período de reflexión para recuperar a posición centrada que abandonou”. Creo que foi, finaliza Bugallo “un tremendo erro histórico”, referíndose a esa viraxe cara posicións de extrema dereita. 

Comentarios