Preséntase a renovada candidatura dos socialistas para as municipais en Ordes que encabeza Fernando Viqueira

Preséntase a renovada candidatura dos socialistas para as municipais en Ordes que encabeza Fernando Viqueira
Foto de arquivo
Preséntase a renovada candidatura dos socialistas para as municipais en Ordes que encabeza Fernando Viqueira

Viqueira comprométese a “dar un novo impulso” a Ordes e rematar co “declive” dos últimos anos

O líder provincial do PSdeG-PSOE e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou onte en Ordes a renovada candidatura coa que os socialistas concorrerán ás eleccións municipais de maio e que estará encabezada por Fernando Viqueira.

González Formoso agradeceu o “paso adiante” de Viqueira, que “cun equipo renovado, preparado e ilusionado vai a propiciar a partir de maio o cambio que Ordes necesita”.

“Con Fernando á fronte, cun alcalde socialista, Ordes volverá a ocupar o lugar que lle corresponde como motor social e económico desta comarca”, afirmou Valentín González, que destacou a necesidade dun goberno municipal “que aproveite o enorme potencial ordense e impulse a creación de emprego, a actividade económica e a mellora dos servizos públicos”.

O presidente provincial destacou que neste mandato, o goberno da Deputación da Coruña, liderado polo PSOE, investiu 6,8 millóns de euros na mellora das infraestruturas de Ordes, o dobre que no mandato anterior do PP, e investiu máis de 527.000 euros para apoiar a creación de 53 novos postos de traballo no municipio.

Rematar co declive dos últimos anos

O candidato á alcaldía, Fernando Viqueira, incidiu tamén neste aspecto e comprometeuse a “rematar co declive dos últimos anos” e “dar un novo impulso a Ordes” apoiando dende o Concello programas de dinamización económica e creación de emprego que axuden a recuperar o pulo do municipio.

“Presentamos un proxecto renovado, con persoas que nunca teñen estado en política e que dan un paso adiante para cambiar as cousas. Persoas que poñen rostro humano ás nosas propostas: máis transparencia, máis e mellores servizos nun goberno municipal aberto, que defenda Ordes por enriba de todo e que trate a todos por igual, sen discriminacións”,afirmou o candidato á alcaldía de Ordes.

A lista do PSOE en Ordes está liderada por Fernando Viqueira Nouche, ao que acompañan na candidatura Carmen Ferreiro Villaverde, María Concepción Berdomás, Noelia Rivadas, Alejandro Manteiga, Elvira Rodríguez Recouso, Antonio Morán, Adolfo Pedro Tacón, Marta Regos Vaamonde, Manuel Liste Candal, Julio Sánchez Raña, María Josefa Couselo, Elvira Martínez Cruz, Manuel Pérez Palacio, Antonio Becerra Lamas, María Isabel Villaverde Presedo e Jesús Pedreira.

Como suplentes figuran Nicolás Vázquez Codal, Esther Figeroa e José Gómez Silveira.

Comentarios
Lo más