Aberta ata o 9 de maio a preinscrición para o Verán CampUSC

Aberta ata o 9 de maio a preinscrición para o Verán CampUSC
Aberta ata o 9 de maio a preinscrición para o Verán CampUSC

O programa desenvolverase en horario de 8.45 a 14.45 horas con cinco posibles quendas: do 24 ao 28 de xuño; en xullo, do 1 ao 12, do 15 ao 19 e do 22 ao 31; e en setembro entre os días 2 e 10

Un ano máis, o programa de conciliación da USC Verán CampUSC dará comezo en xuño con actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos. A preinscrición xa abriu e pecharase o 9 de maio.

O programa desenvolverase en horario de 8.45 a 14.45 horas con cinco posibles quendas: do 24 ao 28 de xuño; en xullo, do 1 ao 12, do 15 ao 19 e do 22 ao 31; e en setembro entre os días 2 e 10. O programa levarase a cabo nas instalacións deportivas da USC e noutras acordadas segundo as actividades. Ofértanse 100 prazas en cada quenda, das que 70 se reservan á comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva e o resto para público en xeral.

As persoas interesadas deberán cubrir o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación USC Deportiva. O 14 de maio publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda e o 20, logo das reclamacións, a definitiva.

Un programa completo

Ao longo do programa amosaráselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Os promotores de Verán CampUSC sosteñen que a práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa, non só no plano da saúde, senón tamén como vía para “inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá”.

Entre outras, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e da súa contorna.

Esta é unha actividade que organiza a Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC e da Concellaría de Igualdade de Santiago.

Os detalles da programación de Verán CampUSC 2017 presentáronos en rolda de prensa esta mañá a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a concelleira de Igualdade, Marta Lois González; e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero.

Comentarios
Lo más