Caballero recorda a Feijóo que "foi cómplice do xiro á ultradereita de Casado"

Caballero recorda a Feijóo que "foi cómplice do xiro á ultradereita de Casado"
Caballero recorda a Feijóo que "foi cómplice do xiro á ultradereita de Casado"

O secretario xeral avanza que “traballaremos arreo” nas municipais e para “mudar o futuro do país” cun PSdeG como “casa común do progreso de Galicia”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abordou  o escenario político que emerxe tralas eleccións xerais e recordou que Feijóo sempre se amosou “satisfeito” co pacto da dereita e da ultradereita en Andalucía, así como coa “viraxe” do PP. “Feijóo cometeu un erro ao dar as costas aos galegos para botarse aos brazos da ultradereita”, subliñou.

“Feijóo dicía que o pacto de Andalucía o subscribiría calquera, e agora tenta escapar das súas corresponsabilidades”, remarcou o líder do PSdeG nunha comparecencia ante os medios trala xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega, consciente de que “Feijóo nunca fixo correccións sobre a liña de acción do PP”.

“Feijóo errou ao pensar que os galegos e as galegas permitiríamos que a dereita reaccionaria e a involución do PP tivesen apoio suficiente”, engadiu Gonzalo Caballero, tras indicar que “o magnífico traballo de Pedro Sánchez permitiu un resultado histórico” do PSOE en toda España.

No caso de Galicia, sinalou o secretario xeral do PSdeG, tamén a vitoria do socialismo foi “histórica”, ao igual que “o correctivo” que recibiu Feijóo nas urnas. “A maioría dos cidadáns suspéndeno a el e ao seu partido na estratexia que estableceron Aznar e Casado”, remachou.

En paralelo, Gonzalo Caballero explicou que a folla de traballo do PSdeG para o tempo vindeiro pasa por “traballar arreo” coa vista posta nas municipais, ao obxecto de “afianzar” as alcaldías que xa están en man de socialistas e “avanzar” naqueles lugares onde aínda non gobernamos.

“Somos a mellor opción de goberno”, asegurou o máximo dirixente dos socialistas galegos, ao tempo que comprometeu traballo para “construír unha situación política distinta” en Galicia. “Temos que utilizar o impulso de progreso como punto de partida para mudar o futuro do país, co PSdeG como casa común do progreso de Galicia”, enfatizou, pensando xa nas vindeiras eleccións autonómicas.

Comentarios
Lo más