O Museo Casa de la Troya inicia a súa temporada de verán este xoves, con visitas guiadas á vella pensión de estudantes

O Museo Casa de la Troya inicia a súa temporada de verán este xoves, con visitas guiadas á vella pensión de estudantes
Foto de arquivo
O Museo Casa de la Troya inicia a súa temporada de verán este xoves, con visitas guiadas á vella pensión de estudantes

Recrea a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima

O Museo Casa de la Troya inicia hoxe xoves, 2 de maio, a súa temporada de verán. Poderá visitarse todos os xoves, venres e sábados de maio. En xuño e ata mediados de xullo abrirá os venres e sábados. A partir de mediados de xullo abrirá de xeito continuado ata o 7 de setembro, pechando, como é habitual, domingos e luns. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Os que se acheguen ao Museo Casa de la Troya terán a oportunidade de seguir as explicacións das guías pola vella pensión de estudantes. Tal como lembra Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas máximo”.

Un edificio do século XVIII

O Museo Casa de la Troya recrea unha antiga pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya no ano 1905. O edificio, construído a mediados do século XVIII, foi hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906 e nel aloxouse o personaxe principal da novela de Lugín, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Abriu as súas portas como museo en 1993, grazas ao mecenas compostelán Benigno Amor Rodríguez, finado en 2009.

Na planta baixa do inmoble atópase a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar está o vello salón-comedor, tamén habilitado como zona de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes.

No segundo andar están os dormitorios. No ático atópase a cociña, ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa da pensión. O soto, que antigamente era usado como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias, e poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías e outras pertenzas da estudantina.

Comentarios
Lo más