A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza o vindeiro domingo unha andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza o vindeiro domingo unha andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña
A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza o vindeiro domingo unha andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña

O diñeiro recadado irá destinado ao pagamento dos billetes das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia ao abeiro deste programa

O vindeiro domingo, 5 de maio, a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) organiza unha nova edición da andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña, en beneficio do programa Vacacións en Paz. Así, o diñeiro recadado irá destinado ao pagamento dos billetes das nenas e nenos saharauís que cada verán veñen a Galicia ao abeiro deste programa. Os participantes partirán ás 10.30 horas da praia fluvial de Tapia. A andaina estará aberta tanto a persoas como a cans, e o prezo será de 5 euros por persoa e 1 euro por can. Para inscribirse nesta camiñada ou obter máis información sobre a iniciativa pode consultarse a través do número de teléfono 646 320 660 ou mediante un correo electrónico ao enderezo eybarra.sogaps@gmail.com . A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames e de Supermercados Gadis.

Tralo éxito da ruta organizada o pasado ano, SOGAPS prepara unha nova edición da andaina solidaria pola ruta do Rego da Andoriña en beneficio dos nenos e nenas saharauís que pasan o verán en Galicia ao abeiro do programa Vacacións en Paz. Así, a actividade comezará ás 10.30 horas da praia fluvial de Tapia, onde se poderá ver o muíño restaurado da Insua, que aparece recollido no Catastro do Marqués da Ensenada de 1.750. A seguir, a marcha continuará primeiro por unha senda á beira do río Tambre e despois por unha estrada ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena. Seguindo un antigo carreiro, as persoas camiñantes chegarán ás ribeiras do rego da Andoriña.

Ao longo da ruta, as persoas participantes tamén pasarán ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede. Desde este punto, as e os camiñantes chegarán a unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde poderán ver unha mostra do bosque atlántico. Unha vez abandonado o bosque, o grupo poderá achegarse ata unha pequena fervenza no canal Carreiro. Finalmente, antes de volver ao punto de partida, a ruta pasará pola ponte Portochán.

A inscrición na andaina pódese facer a través do número de teléfono 646 320 660 ou do enderezo de correo electrónico eybarra.sogaps@gmail.com , canles a través das que tamén se pode solicitar máis información sobre ruta ou sobre o programa Vacacións en Paz. A actividade conta coa colaboración do Concello de Ames e de Supermercados Gadis. As inscricións poden realizarse ata o sábado 4 de maio. A organización facilitará aos participantes o avituallamento sólido e líquido necesario.

Comentarios
Lo más