Alumnado de Vila Real (Portugal) devolve a visita ao CEIP López Ferreiro no marco do programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico

Alumnado de Vila Real (Portugal) devolve a visita ao CEIP López Ferreiro no marco do programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico
Alumnado de Vila Real (Portugal) devolve a visita ao CEIP López Ferreiro no marco do programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico

O edil estivo acompañado na rolda de prensa polo director do CEIP López Ferreiro, José Ramón Carril; pola profesora coordinadora do intercambio, Carmen Montero, e por dous dos escolares participantes do colexio compostelán, Carlota Fernández e Nicolás Castañón

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta do programa de actividades que realizará o alumnado do López Ferreiro co alumnado de Vila Real (Portugal) no marco dos programas de intercambio do Eixo Atlántico. Os/as 30 escolares portugueses devolverán do 6 ao 8 de maio a visita que o alumnado compostelán de 5º e 6º de Primaria realizou os pasados 20, 21 e 22 de marzo.

O edil estivo acompañado na rolda de prensa polo director do CEIP López Ferreiro, José Ramón Carril; pola profesora coordinadora do intercambio, Carmen Montero, e por dous dos escolares participantes do colexio compostelán, Carlota Fernández e Nicolás Castañón. Estes tiveron a ocasión de explicar a satisfacción pola súa estancia en Vila Real e polo intercambio sociocultural e lingüístico vivido cos seus compañeiros e compañeiras da localidade portuguesa.

O alumnado de Vila Real chegará a Compostela o luns 6 de maio. Tras a recepción no CEIP López Ferreiro, o grupo realizará un percorrido polo casco histórico e visitará a Catedral. Ás 19:30 horas, os/as escolares participantes neste intercambio serán recibidos no Pazo de Raxoi.

Na xornada do martes 7, haberá visitas guiadas á Cidade da Cultura e aos centros de interpretación do Castro Baroña e das dunas do Vilar (Riveira). Xa o día 8, o alumnado visitará o Museo do Pobo Galego e o Museo Pedagóxico de Galicia.

Programa de intercambios do Eixo Atlántico

Grazas ao programa de intercambios do Eixo Atlántico preténdese que os mozos e mozas poidan coñecer e valorar o patrimonio das cidades e vilas que integran esta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 por cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A Presidencia deste Grupo Temático de Educación recae dende o 15 de novembro de 2016 no concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, mantendo periodicamente reunións de traballo nas que se estudan diferentes propostas educativas, como a Mostra Musical do Eixo Atlántico ou os Encontros Pedagóxicos. 

Comentarios
Lo más