Sánchez Bugallo explica o programa comercial da súa candidatura

Sánchez Bugallo explica o programa comercial da súa candidatura
Sánchez Bugallo explica o programa comercial da súa candidatura

Que ten como obxectivo converter a Compostela nunha cidade de compras a través da renovación e consolidación do pequeno comercio

Converter a Compostela nunha cidade de compras, a través da renovación e consolidación dos pequenos negocios, tanto da Cidade Histórica, como dos barrios, como dos dous Ensanches, o novo e o vello. É o obxectivo das medidas sobre comercio incluídas no programa electoral de Xosé A. Sánchez Bugallo. Un sector, o comercial, que o candidato á alcaldía sitúa como motor e eixo vertebrador da dinamización económica de Santiago.

Para Sánchez Bugallo, estamos nun momento crítico para o pequeno comercio, “aparecen novas formas de comercialización, basicamente a través das vendas on-line”. A resposta, di, ten que estar relacionada cun produto atractivo, “polo tanto, a atractividade, é un elemento fundamental”. Esta crise do comercio, segundo o candidato, “afecta ao noso modelo de cidade, e hoxe é un acto de civismo compostelán mercar no comercio local”. Nese sentido, continúa, “desde as administracións públicas debemos impulsar todas as accións necesarias, para que o comercio manteña a súa atractividade e a súa capacidade de competir”.

Esas accións, esas medidas, foi as que Sánchez Bugallo presentou hoxe á prensa. Son sete. A primeira, a elaboración dun Programa Estratéxico de Comercio Innovador, 2020/2030, que sirva de base á implantación dunha estratexia de renovación comercial no conxunto da cidade: no Ensanche, na zona histórica, e nos barrios.

A segunda, a elaboración dun Plan de dinamización e renovación comercial da Cidade Histórica, incorporando unha estratexia de captación de ofertas e actividades capaces de xerar atracción, buscando a implantación de marcas de referencia e actividades comerciais e de servizos. Na opinión de Bugallo, “debemos complementalo cunha serie de actuacións orientadas a facilitar a rehabilitación” e reformas nos locais, xunto cos servizos necesarios para o seu funcionamento. Neste sentido, continúa, “renovo o compromiso que xa lle plantexei ás asociacións de veciños da zona monumental, de facilitar unha solución provisional para a fibra óptica, en tanto non poidamos por en marcha a solución definitiva”. Tamén, engade, “avaliaremos conxuntamente co sector a posibilidade de avanzar na regulación de usos dos locais comerciais. Contemplamos a posibilidade, buscando o maior consenso posible, tanto político como social, de establecer unha regulamentación que especialice usos e poña limitacións a usos que non consideremos convenientes para a potenciación do casco histórico”. Para a candidatura de Sánchez Bugallo, o comercio de proximidade é un elemento imprescindible para a veciñanza da Cidade Histórica, polo que se debe singularizar e potenciar.

A terceira medida é impulsar un Plan integral de Convivencia no Ensanche. Para Bugallo “é necesario soldar o Ensanche coa zona monumental”, para “evitar ou reducir ao máximo ese efecto barreira que exerce a rúa da Senra”. Por iso, o candidato propón unha renovación completa do eixo que ven desde a Porta do Camiño ata a Alameda, unha renovación da Praza de Galicia, e unha renovación da rúa do Hórreo para conectar a estación Intermodal co Ensanche. Sobre o teleférico asegura que “seguimos mantendo a nosa posición, defendendo que a saída deber ser desde a Praza da Constitución”. Explica Bugallo que “o estudo económico que tiñamos no 2010 indicábanos que se podían mover seis mil persoas diarias”, que sumadas ás da estación de tren, ás da estación de autobuses e á mellora da integración da cidade histórica, “cremos que pode xerar unha potenciación importante”, tanto do Ensanche Vello, como do Ensanche Novo.

A cuarta medida é reactivar o proxecto e construción dun aparcadoiro público no Campus Sur que dea servizo ao Ensanche e Casco Histórico. E a quinta, xa anunciada, a reurbanización do solar de Peleteiro, co obxectivo de que “sexa un elemento de reactivación comercial e inclúa todos os equipamentos e dotacións públicas previstas e asemade un aparcadoiro público”. Argumenta Bugallo que, “o aparcamento no Ensanche non está resolto, e cremos que se poden ampliar as prazas. Están previstas 400. Son insuficientes. Nós pensamos que se poden facer 600. Hai capacidade para facelas. Pero iso require retomar unha decisión sobre o subsolo do espazo público, un dos temas que non está resolto no convenio que se levou a aprobación”. Para Bugallo “é o último espazo de oportunidade que temos na zona do Ensanche, de todo o Ensanche, tanto da parte vinculada á Cidade Histórica, como o Ensanche Sur. Por iso queremos estar seguros de que a decisión que se toma con Peleteiro é a máis atinada e a que mellor pode reforzar o papel de todo o Ensanche. A posición de Peleteiro é absolutamente estratéxica”. Por iso, engade “comprometémonos a darlle unha solución nos tres primeiros meses de mandato municipal, consensuada cos veciños e comerciantes”.

A sexta medida anunciada está relacionada con Área Central, “outro espazo que está atravesando un momento crítico. Xa contactaron coa xerencia, di, e pensan que o camiño debe ir por varias vías. A primeira, asegura Bugallo, é a unión de Área Central coas Cancelas, “non poden ser competencia. “Temos que establecer unha complementariedade entro os dous centros comerciais” e iso implica, subliña, favorecer a conectividade. “Teremos que abordar as medidas necesarias. Pode ser un microbús ou un autobús punta-cola, é dicir que conecte Área Central coas Cancelas, para que a xente poida ir a un sitio, aparcar, e despois desprazarse dun lugar a outro con rapidez e comodidade, especialmente nos días de choiva”. Outro dos problemas que debe resolver Área Central, segundo Bugallo, é o aparcamento: “nós estamos dispostos a facilitar unha oferta que fixemos na nosa época, a construción dun aparcadoiro soterrado vinculado directamente a Área Central e conectado coa superficie comercial”.

A sétima medida que porá en marcha a candidatura de Sánchez Bugallo está relacionada coa Praza de Abastos. En colaboración coa sociedade xestora do Mercado, impulsarán programas concretos para a extensión dos segmentos de clientes do Mercado de Abastos a persoas máis novas, reforzarán a súa capacidade de atracción e integrarana na planificación da oferta turística. Tamén se compromete Bugallo a construír un aparcadoiro soterrado en Belvís, “unha opción contemplada no plan xeral, que nunca se desbotou pero tampouco se puxo en práctica a pesar de que a oferta de prazas de aparcamento resulta insuficiente ”; e a apoiar as medidas que faciliten a comercialización e a renovación da Praza de Abastos “como xa fixemos desde o principio”.

Campaña electoral

A preguntas dos xornalistas, sobre as declaracións de Martiño Noriega de que Bugallo é a “marca branca do PP”, o candidato á alcaldía sinala que “lle fixo gracia”. Veo “nervioso” e cre que “reflicte o seu nivel de preocupación pola situación que está vivindo. Desde logo, nunca me imaxinei ver ao Sr. Noriega preocupado porque os votantes habituais do PP non voten ao PP”. Engade Bugallo “eu nesta cidade son absolutamente coñecido, fun alcalde, e os cidadáns xulgarannos polos nosos feitos”.

Aclara Bugallo que, en todo caso non é el quen pon a Martiño Noriega na diana política, como di o actual rexedor. “É el o que me está pondo a min. Desde logo as últimas declaracións miñas foron exclusivamente defensivas. Se lle preguntan polo balance das eleccións xerais e sae cun ataque contra a miña persoa… E agora sae, sen vir a conto, chamándome marca branca do PP. Todo o mundo sabe o que foi a nosa xestión municipal de Santiago”, en referencia á xestión socialista, “a que transformou esta cidade e a nosa aposta pola cidadanía, polos máis débiles, pola creación de emprego. Esas son as miñas preocupacións. O outro paréceme meras anécdotas”. 

Comentarios
Lo más