Condenan a 11 anos de cárcere a un millonario luso que quixo asasinar a súa muller nun hotel de Vigo

Condenan a 11 anos de cárcere a un millonario luso que quixo asasinar a súa muller nun hotel de Vigo
Condenan a 11 anos de cárcere a un millonario luso que quixo asasinar a súa muller nun hotel de Vigo

O home apareceu por sorpresa detrás da súa muller e tentou de darlle cunha maza na cabeza

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a once anos e catro meses de cárcere como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa o home que o 2 de maio de 2016 golpeou cunha maza a súa muller no interior da habitación dun hotel de Vigo. O tribunal considera probado que o imputado pretendía “acabar coa súa vida” cando apareceu “por sorpresa e por detrás” da vítima cando se duchaba no baño. As maxistradas sosteñen que a golpeou “reiteradamente” coa maza na parte traseira da cabeza.

O condenado, segundo a sentenza, tamén a agarrou “con forza” polo pescozo con ambas as mans e deulle golpes coa cabeza contra o chan. A vítima conseguiu abrir a porta e saír do cuarto. Unha vez no corredor, foi auxiliada por persoal do hotel que acudira á zona alertado polos berros da muller e os fortes golpes.

A Audiencia tivo en conta á hora de ditar a pena a agravante de parentesco e tamén lle impuxo ao acusado a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 18 anos. Ademais, deberá pagarlle unha indemnización de 16.000 euros.

O tribunal indica na sentenza que, tras analizar todas as probas, alcanzou “o convencemento” de que foi o acusado quen golpeou coa maza a súa esposa causándolle as lesións descritas polos forenses. A declaración da afectada, segundo as xuízas, é “crible, persistente e verosímil”, pois está corroborada polas declaracións do persoal do hotel, polos informes forenses e polo testemuño dos peritos.

A Audiencia considera que concorre aleivosía, pois salienta que a vítima se atopaba co seu esposo no cuarto do hotel “sen que consten discusións previas, senón unha situación de absoluta normalidade entre as partes”.

“Dado o marco e o modo en que se produce a agresión, a vítima atópase desprevida ante o ataque; o que entronca coa aleivosía doméstica derivada da relaxación dos recursos defensivos como consecuencia da imprevisibilidade dun ataque protagonizado pola persoa coa que a vítima convive día a día”, explican as maxistradas.

Comentarios