Nova sesión dos Espazos para Reflexionar no IES do Milladoiro

Nova sesión dos Espazos para Reflexionar no IES do Milladoiro
Nova sesión dos Espazos para Reflexionar no IES do Milladoiro

Marta Lendoiro, pediatra residente do CHUS, e Natalia Martínez, farmacéutica da Farmacia Milladoiro, serán as encargadas de conducir esta nova sesión dos Espazos para Reflexionar

Marta Lendoiro, pediatra residente do CHUS, e Natalia Martínez, farmacéutica da Farmacia Milladoiro, serán as encargadas de conducir a nova sesión dos Espazos para Reflexionar deste mércores, 8 de maio. A charla, que terá lugar no Salón de Actos do IES Milladoiro, xirará en torno a como tratar e previr a febre e as infeccións nos nenos e nenas. 

O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O programa Espazos para Reflexionar retoma a súa actividade este mércores, 8 de maio, cunha sesión sobre a febre e as infeccións nos nenos e nenas. Nesta ocasión, a charla será dirixida por Natalia Martínez, farmacéutica da Farmacia Milladoiro, e Marta Lendoiro, pediatra residente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Así, a partir das 17.30h, ambas profesionais aclararán dúbidas como a partir de que temperatura se considera febre, que é unha infección e as diferencias entre unha infección vírica e unha infección bacteriana.

Asemade, ao longo da charla trataranse tamén cuestións como a sintomatoloxía dunha infección, os pasos a seguir cando un menor presenta este tipo de síntomas, as vacinas ou como tratar e previr unha infección. Ao igual que en anteriores charlas, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, dúbidas e coñecementos nun ambiente distendido e aberto. 

O fin desta xornada será ofrecer toda a información posible sobre esta temática ás familias con cativos e cativas, así como resolver todas as dúbidas que poidan xurdir sobre a administración de medicamentos que poida haber na casa, a mellor forma de administrar soros e probióticos e como actuar en caso dunha enfermidade deste tipo.

INICIATIVA APOIADA POLA COMUNIDADE EDUCATIVA

A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.

Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.

Comentarios
Lo más