O Hospital Clínico incorpora unha nova técnica para tumores pulmonares

O Hospital Clínico incorpora unha nova técnica para tumores pulmonares
O Hospital Clínico incorpora unha nova técnica para tumores pulmonares

Trátase dunha técnica de cirurxía radioguiada intraoperatoria en doentes con tumor pulmonar de tamaño reducido

Profesionais da xerencia sanitaria de Santiago foron os primeiros en introducir en Galicia unha novidosa técnica de cirurxía radioguiada intraoperatoria para tumores pulmonares reducidos, da que xa se beneficiaron 2 doentes.

Na última década, o diagnóstico dos nódulos pulmonares foi incrementándose de forma notable debido á melloría na sensibilidade das técnicas de imaxe e ó seu uso rutineiro. Unha alta porcentaxe destes nódulos pulmonares poden ser malignos, polo que o seu diagnóstico precoz é fundamental.

A cirurxía radioguiada dos nódulos pulmonares (ROLL pulmonar) é un procedemento innovador para a detección de nódulos pulmonares de difícil palpación e abordaxe cirúrxica, e require unha completa sincronización e colaboración entre os servizos involucrados: Cirurxía Torácica, Medicina Nuclear e Radioloxía.

A técnica iníciase 24 horas antes da cirurxía, cunha inxección intrapulmonar, dirixida mediante un estudo tomográfico, dunha solución que contén macroagregados de albúmina marcados radiactivamente con tecnecio MAA-99Tc e un contraste iodado. Posteriormente, realízase un control tomográfico e gammagráfico para previr calquera complicación que se poida presentar e comprobar que a inxección está no lugar adecuado.

Ao día seguinte realízase en quirófano unha vídeo toracoscopia, procedemento minimamente invasivo, cunha baixa morbilidade e cun tempo de hospitalización moi curto. Durante a cirurxía procédese á localización cunha sonda de detección gamma (Probe) da área de máxima intensidade de sinal numérico e acústica radioactiva e finalmente procédese á resección cirúrxica da lesión e posterior estudo en Anatomía Patolóxica.

Xa se beneficiaron os primeiros 2 doentes e hai outro en estudio, de esta nova técnica empregada no Hospital Clínico polos doutores García Prim (xefe de servizo de Cirurxía Torácica), Abou Jokh Casas e Miguel Garrido Pumar, do servizo de Medicina Nuclear, e Anxo Martínez de Alegría, do servizo de Radioloxía.

Comentarios
Lo más