O X Trofeo de Patinaxe Artística Concello de Ames celebrase este sábado

O X Trofeo de Patinaxe Artística Concello de Ames celebrase este sábado
O X Trofeo de Patinaxe Artística Concello de Ames celebrase este sábado

No encontro participarán arredor de 400 patinadoras das Escolas deportivas do Milladoiro, Bertamiráns, Barouta, Brión e La Salle


O Club de Patinaxe Artística Omega e o Club de Patinaxe Sarela, en colaboración co Concello de Ames, organizan a décima edición do Trofeo de Patinaxe Artística EDM Concello de Ames. O evento terá lugar este sábado, 11 de maio, no pavillón municipal de Bertamiráns en horario de 09.45 a 21.00h. No encontro participarán arredor de 400 patinadores das Escolas deportivas do Milladoiro, Bertamiráns, Barouta, Brión e La Salle. Ademais, o programa incluirá unha gran variedade de actuacións, tanto grupais como por parellas e individuais, así como varias exhibicións encadradas en distintos niveis de dificultade. O evento contará tamén cunha exhibición da premiada patinadora amesá Nadia Iglesias.

O pavillón municipal de Bertamiráns acolle este sábado, 11 de maio, o X Trofeo de Patinaxe Artística EDM Concello de Ames, evento mediante o que se busca consolidar este deporte, unha das actividades con maior éxito dentro das Escolas deportivas municipais, no municipio. O encontro, que mesturará música, baile, coreografías, colorido e moita emoción, contará coa participación dunhas 400 patinadoras e patinadores, das que 300 proveñen das escolas deportivas de Ames e 100 son membros invitados das escolas deportivas de Santiago e Brión. O programa contará con shows grupais, probas individuais e por parellas, e varias exhibicións individuais.

A programación comezará ás 10.00h con trece actuacións grupais, que estarán divididas nos niveis iniciación, intermedio e avanzado. Os primeiros en actuar trala apertura de portas, que terá lugar ás 09.45h, serán os cinco equipos do nivel inicial de Barouta, Brión, Milladoiro, e Bertamiráns. A continuación, ás 10.30h, será a quenda dos grupos de nivel intermedio do Milladoiro, La Salle, Bertamiráns e Barouta e, ás 11.00h, chegará o momento dos shows desempeñados polos patinadores/as do nivel avanzado das escolas deportivas de Bertamiráns, La Salle e Milladoiro. No total participarán un total de 13 grupos nesta primeira fase, na que cada equipo desenvolverá un show que xirará arredor da idea que da título ao espectáculo. Premendo no enlace dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova poden consultarse a temática de cada unha das actuacións da competición.

A partir das 11.20h desenvolveranse as probas por parellas dos niveis 1 e 2, así como as actuacións individuais dos niveis 0, 1 e 2. A continuación, os patinadores que participan no campeonato galego dos clubs CP Sarela e CPA Omega realizarán dúas exhibicións grupais entre as 13.45 e as 13.55h. O show do CP Sarela levará como título “Agora que non estás”, e estará composto por 7 patinadoras do club, mentres que a actuación realizada polo CPA Omega, que contará con 10 patinadoras, titularase “1937, pinceladas de guerra”. A xornada matutina rematará arredor das 14.00h coa entrega de trofeos.

A sesión da tarde comezará ás 16:30 horas, e nela desenvolveranse as competicións individuais dos niveis do 3 ao 7. Ao longo da tarde, tamén haberá pequenos bloques de exhibición, nos que patinadoras e patinadores dos clubes organizadores amenizarán a competición. A patinadora Nadia Iglesias, que na actualidade pertence ao equipo Reus Deportiu, será a encargada de clausurar a xornada na última exhibición da tarde. A xornada rematará, ao igual que pola mañá, co desfile de participantes e coa entrega de trofeos.

O X Encontro de Patinaxe das Escolas deportivas foi organizado, de xeito conxunto, polo CPA Omega e o CP Sarela en colaboración co Concello de Ames. Coa celebración deste evento deportivo preténdese amosar á veciñanza o traballo do conxunto das Escolas deportivas municipais e o esforzo, a dedicación e a profesionalidade que poñen as cativas e cativos na práctica deste deporte. Cabe destacar que os niveis desta competición seguen un criterio de dificultade técnica, o que permite que as distintas categorías estean abertas a todos os/as participantes con independencia da idade. A entrada será libre e gratuíta para todas aquelas persoas que queiran asistir.

Comentarios
Lo más