Melide nomeará hoxe aos embaixadores da XXVIII edición da Festa do Melindre

Melide nomeará hoxe aos embaixadores da XXVIII edición da Festa do Melindre
Melide nomeará hoxe aos embaixadores da XXVIII edición da Festa do Melindre

Nove embaixadores comprometeranse a exaltar e conservar os doces típicos desta cita de interese turístico galego

A XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará, a partir de hoxe, con nove persoeiros máis defendendo, exaltando e protexendo os produtos artesanais. Tralo pregón, ás 12:30h, a cargo do chef Paco Roncero, tanto el mesmo coma os oito representantes seleccionados do mundo da gastronomía, os medios de comunicación, o deporte e a cultura, aceptarán o compromiso cos melindres, ricos e amendoados que o Concello de Melide lles propón. O acto estará conducido pola presentadora da TVG Lucía Rodríguez.

A xornada festiva, en todo caso, xa dará comezo ás 11 da mañá na Praza do Covento, coa actuación do grupo tradicional Froito Novo, hora na que abre o mercado de produtos artesanais, que contará coa presenza de máis dunha trintena de empresas de Galicia. Entre elas atópanse, ademais de elaboracións de repostería realizadas de maneira artesana, licores e sidras, e tamén produtos de artesanía de Galicia e diferentes postos comarca de Melide.

Tralo pregón, ás 14 horas, será o turno da Banda de Música Arzúa. En paralelo, as persoas que se acheguen á vila coruñesa poderán gozar da sesión vermú a cargo de Claudio Spadi na Praza das Ichoas. Dende as 14 horas a charanga Santa Compaña levará a música ás diferentes rúas da vila. Pola tarde os máis cativos poderán ver o espectáculo de Paco Nogueiras, Radio Bule Bule, ás 17 horas na Praza Convento. Ás 20 horas será Milladoiro que poña o broche de ouro a esta XXVIII Festa do Melindre na mesma céntrica praza.

Primeira xornada da festa máis doce Galicia

O pregoeiro de honra desta edición da Festa do Melindre, o chef dúas estrelas Michelin Paco Roncero, tivo xa a oportunidade de coñecer de preto a vila de Melide e os seus doces durante esta mañá. Así, percorreu un tramo do Camiño de Santiago dende a ponte medieval de Furelos ata Melide, xunto cun grupo de blogueiros de gastronomía, os embaixadores Isabel Pérez e Uxío Abuín, e parte do goberno municipal. A alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, e o concelleiro de Turismo, Luis Arias, acompañaron ao chef durante unha visita ao obradoiro de repostaría tradicional Panadería Tahona, á feira de produtos artesanais, e tamén á queixería artesá María Sara Seijas.

As 19:30 h está previsto que comece o showcooking do chef Roncero na Viñoteca Ribeirao, no que os presentes poderán degustar tres novas elaboracións que terán como base os doces melidenses: crema de limón amendoado, xardín de mazá e tiramisú de melindres. Tralo showcooking, no que o chef contará co apoio do cociñeiro local Miguel Liboreiro de O Tobo do Lobo, terá lugar unha pequena degustación de vermú St. Petroni e, xa a partir das 22 horas, comezarán os concertos de Claudio Spadi, La Penúltima (Tributo a Sabina) e Gin Toni’s para pechar a xornada.


Os embaixadores da edición 2019

Os embaixadores que se nomearán mañá coa encomenda de exaltar os doces da Terra de Melide son o chef Paco Roncero, o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Comentarios