Melide celebrou polo alto a Festa do Melindre

Melide celebrou polo alto a Festa do Melindre
Melide celebrou polo alto a Festa do Melindre

O salón de plenos do Concello de Melide acolleu tamén o nomeamento dos novos embaixadores desta edición

A XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide celebrou onte o seu momento álxido co pregón do cociñeiro estrela Michelin Paco Roncero nunha ateigada Praza do Convento. O chef manifestou o seu agradecemento á vila coruñesa por terlle escollido como embaixador destes doces, “feitos co cariño da tradición”, e o seu compromiso pola posta en valor dos melindres, ricos e amendoados. 

“A primeira vez que os probei, a miña imaxinación disparouse ante a cantidade de aplicacións que podíamos darlles dentro da cociña, e é que cando falamos de tradición, o enriquecimento é infinito”, afirmaba o chef. Roncero destacou tamén a importancia e valor do Camiño de Santiago, que puido percorrer nun pequeño tramo onte e prometeu voltar con máis tempo no futuro.

Pola súa parte, a alcaldesa afirmou no seu discurso que “é unha honra para nós contar cun dos referentes da cociña máis importantes e queridos polo público como persoeiro de referencia nesta celebración da cultura culinaria tradicional. Algo que de seguro xa notou Paco Roncero ao saudar á veciñanza este fin de semana nas nosas rúas. O Concello de Melide puxo esforzo e ilusión para dar visibilidade aos nosos productos nesta edición e así o seguiremos a facer no futuro para dar a coñecer a marca Repostaría Tradicional da Terra de Melide e que esta sexa coñecida de tal xeito que a tradición das nosas bisavoas poida ser mantida viva agora e sempre”.

O salón de plenos do Concello de Melide acolleu tamén o nomeamento dos novos embaixadores desta edición que son o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Tralo pregón, o turno foi para Claudio Spadi e a banda de música de Arzúa. Esta tarde os máis cativos terán tamén o seu espazo de ocio co espectáculo de Paco Nogueiras, Radio Bule Bule, ás 17 horas na Praza Convento. Ás 20 horas será Milladoiro quen poña o broche de ouro a esta XXVIII Festa do Melindre na mesma localización, pechando a edición máis ambiciosa desta cita gastronómica, que xa é unha referencia no calendario festivo en Galicia.

Comentarios