O 061 atendeu a 65 persoas en accidentes de tráfico nesta fin de semana

O 061 atendeu a 65 persoas en accidentes de tráfico nesta fin de semana
O 061 atendeu a 65 persoas en accidentes de tráfico nesta fin de semana

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 65 persoas debido a 50 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 10 de maio ata as 23,59 horas do domingo, 12 de maio. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 25 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 60 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 50 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 65 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63,5% e do 36,5% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre os 35 e os 49 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 59. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en tres accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 46 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro ocasións.

En 53 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron no punto.

Comentarios