Agustín Hernández asina na praza do Obradoiro o Contrato Capital cos veciños da cidade

Agustín Hernández asina na praza do Obradoiro o Contrato Capital cos veciños da cidade
Agustín Hernández asina na praza do Obradoiro o Contrato Capital cos veciños da cidade

O Popular reiterou que o seu “será unha garantía para que o conxunto da veciñanza coñeza con antelación os nosos propósitos e poida ir fiscalizando os nosos pasos”

O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, asinou onte o seu Contrato Capital cos veciños de Santiago. Este documento contén as 27 cláusulas que conforman o programa que presenta o Partido Popular de Santiago para a vindeira lexislatura municipal.

Hernández subliñou que, con esta sinatura, busca acadar un verdadeiro compromiso cos santiagueses, “non quero que o noso programa sexa visto como unha batería de promesas, que despois do día 26 meteremos nun caixón”, senón que “subscribo este documento como proba de vontade e compromiso cos veciños para o caso de que sexa merecedor da confianza maioritaria e me corresponda a honra e o orgullo de gobernar o Concello de Santiago nos vindeiros catro anos”, subliñou.

O Popular reiterou que o seu programa é froito das conversas con diferentes asociacións e colectivos e “será unha garantía para que o conxunto da veciñanza coñeza con antelación os nosos propósitos e poida ir fiscalizando os nosos pasos”.

Agustín Hernández destacou que “este documento recolle os principios que rexerán a nosa acción política e as 27 cláusulas contractuais que demos a coñecer e que resumen as que se poden considerar as principais iniciativas que nos comprometemos a abordar no transcurso do noso mandato”.

Para Hernández, a clave da vindeira lexislatura centrarase no “bo goberno” que el mesmo define como “aquel que ofrece confianza, ao que se lle pode outorgar un poder de representación coa seguridade de saber que tal poder vai ser exercido con responsabilidade e en beneficio dos cidadáns, a fin de acometer reformas meditadas e frutíferas, ben afastadas das ocorrencias e os experimentos”

RESPECTO ÁS INSTITUCIÓNS

“Un bo Goberno é aquel que fai compatible a aposta polos cambios co respecto ás institucións, ás tradicións e á identidade histórica da cidade, o que capaz mellorar a eficiencia dos gastos, de facer máis con menos, conscientes de que o financiamento público procede sempre do esforzo da cidadanía”, remarcou.

Así mesmo, aclarou que o seu equipo traballará “na procura dun deseño da cidade a maior satisfacción das persoas, a fin de mellorar a súa calidade de vida, e non á maior satisfacción dos planificadores e o que atende ao interese xeral e non ao interese de ningún grupo; é aquel que actúa conforme a xuízos "ecuánimes e non conforme a prexuízos ideolóxicos”.

Finalmente, Hernández indicou que o “bo Goberno é aquel que entende que os termos municipais non son fronteiras senón liñas de soldadura dun máis amplo espazo de posibilidades; o que está disposto a manter un diálogo permanente coa sociedade civil, sabedor de que nela pode atopar as máis lúcidas intelixencias; e que se mostra realista nas súas previsións, sincero nos seus diagnósticos, decidido nas súas responsabilidades e moderado nas súas expresións”.

Comentarios
Lo más