Lidia Senra visitou o Banco Máis Fedento do Mundo, en Ordes

Lidia Senra visitou o Banco Máis Fedento do Mundo, en Ordes
Lidia Senra visitou o Banco Máis Fedento do Mundo, en Ordes

Comprométese a seguir traballando no Parlamento Europeo para denunciar a continua ameaza que supón para as augas que bebe a poboación de Santiago, xa que os vertidos do marcrovertedoiro van ao Lengüelle, afluente do río Tambre

A eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europas ás eleccións europeas do 26 de maio, visitou este martes pola mañá o Banco Máis Fedento do Mundo, acompañada por veciños e veciñas da comarca de Ordes e por membros dos diferentes colectivos organizados na contorna en defensa do medio ambiente e do rural vivo. Senra considera fundamental que todos os habitantes da Galiza visiten este lugar e se senten no banco uns minutos para ‘gozar’ do cheiro e da aberración ambiental que supón o macrovertedoiro que Sogama ten na Areosa, no concello de Cerceda, dos máis grandes de toda Europa.

A eurodeputada denunciou que Sogama só xestiona o 12% do lixo que lle chega procedente dos concellos de toda Galiza, xa que o 88% restante dos residuos son enterrados directamente no macrovertedoiro sen selección, danando augas, terras, vidas. “Urxe outro modelo alternativo a este no que Xunta e Naturgy van da man para beneficio empresarial. É indignante que na actual UE se permitan, coa connivencia das Administracións, situacións deste tipo. Denunciámolo en reiteradas ocasións durante este mandato no Parlamento Europeo e seguiremo a facelo”, defende a candidata ás eleccións europeas do 26 de maio.

Neste sentido, incidiu na urxencia de poñer en marcha un novo modelo de tratamento de residuos totalmente público, descentralizado en cada concello ou comarca, e baseado na redución, reciclaxe e reutilización, respectuoso ante todo co medio ambiente. Criticou que Galiza está moi lonxe dos obxectivos de reutilización e reciclaxe de residuos marcados pola UE, fixados en que todos os concellos dos Estados membros reciclen o 50% dos residuos no 2020, o 55% no 2025, o 60% no 2030 e o 65% no 2035.

Comentarios