Preto de 110 persoas participaron na saída da ruta rosaliana organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón

Preto de 110 persoas participaron na saída da ruta rosaliana organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón
Preto de 110 persoas participaron na saída da ruta rosaliana organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón

O pasado sábado, 11 de maio, preto de 110 persoas visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro

O pasado sábado, 11 de maio, preto de 110 persoas visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. A saída, que foi organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón, seguiu o itinerario deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, recentemente recuperado dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Ao longo do desenvolvemento da actividade, as persoas asistentes visitaron lugares tais como o Panteón de Galegos Ilustres, a casa paterna na Tarroeira en Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.

Os Concellos de Ames, Brión e Padrón organizaron o pasado sábado, 11 de maio, unha visita guiada aos lugares máis emblemáticos do legado rosaliano, dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Nesta actividade, participaron preto de 110 persoas procedentes de varios concellos da comarca, que ao longo da xornada afondaron na vida e obra desta autora, referente indiscutible das letras galegas.

A ruta, caracterizada polo seu deseño circular, comezou no concello de Santiago, onde se visitou o Panteón de Galegos Ilustres. Neste lugar, onde se atopan os restos da autora, realizouse a primeira ofrenda floral do día, xa que ademais do centro de flores depositado aos pés da tumba de Rosalía, deixouse unha rosa en cada un dos lugares visitados. A ruta proseguiu no termo municipal compostelán cunha visita á praza de Vigo, onde a autora residiu durante algún tempo.

A seguinte parada tivo lugar no concello de Ames, no lugar da Tarroeira, en Ortoño, onde se atopa a casa paterna de Rosalía e onde a autora pasou unha parte da súa primeira infancia. Despois os participantes na saída foron trasladados ata o entorno da igrexa parroquial de Ortoño, onde houbo unha sorpresa musical na que Anna Melikhova, acompañada do guitarrista, Gabriel Miguens, versionou poemas de Rosalía.

A seguinte visita recalou no concello de Brión, en concreto na Igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizaron un dos versos máis afamados da autora e que, ese día, soaron para as persoas participantes. Ao mediodía, as e os excursionistas tiveron un pequeno descanso para comer. Esta parada produciuse no concello de Padrón, onde se realizaron durante a tarde as visitas á estatua de Rosalía situada no Espolón, á Casa Museo e á Colexiada de Iria Flavia.

LECTURA DE POEMAS E VISITAS TEATRALIZADAS

A actividade finalizou cun concerto na propia Colexiata, a cargo da mesma soprano, Anna Melikhova, e do guitarrista Gabriel Miguens; e coa lectura dalgúns poemas. As persoas asistentes gozaron do percorrido e mostraron satisfacción polo desenvolvemento do mesmo e polas explicacións facilitadas polos guías, así como polas actividades que complementaron o percorrido como foron a lectura de poemas e de cartas enviadas por Rosalía ao seu marido Manuel Murguía; as visitas teatralizadas da man da actriz, Mercedes Tarrío, caracterizada como Rosalía; e a visita guiada á Casa Museo e Fundación realizada polo experto na vida e obra da autora, Manuel Lorenzo Baleirón.

As concelleiras de Turismo de Padrón, Lorena Couso, e de Ames, Isabel González, acompañaron ás persoas participantes ao longo de todo o día. Tamén recibiron a visita dos alcaldes de Ames, José Miñones, e de Brión, José Luís García.

Comentarios