Máis de 500 persoas reúnense en Rois no tradicional xantar popular para celebrar Santo Isidro

Máis de 500 persoas reúnense en Rois no tradicional xantar popular para celebrar Santo Isidro
Máis de 500 persoas reúnense en Rois no tradicional xantar popular para celebrar Santo Isidro

O centenario Ramón Rodríguez traballou sempre no campo e ‘Piluca’ rexentou ata a súa xubilación o comercio familiar vinculado ao agro

Máis de 500 persoas daranse cita hoxe en Rois no xantar popular co que o concello celebra as festas patronais do Santo Isidro, un acto que servirá para render homenaxe a Ramón Rodríguez, que naceu hai 100 anos en Subidas (Augasantas) e a Pilar Ferreirós, un exemplo de mullere emprendedora que rexentou ata a súa xubilación o negocio familiar estreitamente vinculado ao agro. 

As mulleres terán tamén un papel protagonista na xornada, pois tres representantes das asociacións do municipio serán as encargadas de ler o pregón: as presidentas da Asociación das Amas de Casa de Rois, María García, e da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, Lourdes Gómez, e máis a secretaria da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo, Vanessa Boullón.

Co xantar popular do Santo Isidro, que volve a contar cun respaldo masivo da veciñanza, o Concello de Rois quere resaltar o papel de veciños e veciñas do municipio, para poñer en valor o traballo de persoas anónimas, ou non tanto. Neste ano, a homenaxe ‘Toda unha vida’ será para o centenario Ramón Rodríguez Tubío, que naceu na aldea de Subidas (Augasantas), o 6 de xullo de 1918, e aos 18 anos foi chamado a filas para combater na guerra civil, ata que morreu seu pai e retornou a Rois para seguir vinculado as tarefas agroganderias o resto da súa vida.

As mulleres terán un papel predominante nos actos de hoxe. A homenaxe ‘Santo Isidro Labrador’ será este ano para Pilar Ferreirós Rey, ‘Piluca’, una empresaria e emprendedora que estudou bacharelato en Padrón e rexentou o negocio familiar, sempre moi vinculado ao mundo agrogandeiro, ata que se xubilou no 2015. Outra muller, Isabel Núñez Montero, recollerá o premio como gañadora do concurso organizado polo concello para elixir o cartel anunciador desta festa.

Antes das homenaxes serán tamén tres mulleres as que lean o pregón. Máis concretamente, as representantes das tres asociacións do municipio, que contan con máis de 200 socias. Lourdes Gómez Gómez, actual presidenta, recorda que a Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde foi a primeira que se constituíu en Galicia, aló polo ano 1986. Catro anos máis tarde fundábase a Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo, que estará representada pola súa secretaria, Vanessa Boullón Pérez, e xa en 1994 nacía a Asociación de Amas de Casa de Rois, que está a celebrar as súas vodas de prata baixo a presidencia de María García Costa.

Os actos do día grande do Santo Isidro comenzarán en Rois coa misa solemne na igrexa parroquial e rematarán coa música da Charanga Os Santiaguiños.

O SÁBADO, ANDAINA E FEIRA DO SANTO ISIDRO

Os actos programados para honrar ao patrón de Rois continuarán o sábado, día 18, coa celebración da II Andaina do Santo Isidro. Esta ruta, de 17 quilómetros e de dificultade baixa, levará aos participantes dende o Xardín do Recordo (O Faramello), ata o Campo da Festa de Rois. As inscricións faranse de balde ata o xoves, día 16, chamando ao teléfono 981 804 109 ou enviando un correo electrónico a culturadeportesrois@gmail.com. A recollida de dorsais será no campo da festa de Rois e, dende aquí, os participantes serán trasladados en autobús ata a saída.

Un ano máis, durante todo o día, estará aberta no campo da festa de San Mamede de Rois a feira de artesanía e produtos labregos, xunto con exposicións de animais de razas autóctonas e maquinaria agrícola. Non faltarán os concursos de manexo de tractores, a partir das seis da tarde. Tamén haberá actividades infantís e talleres artesanais.

A Escola Municipal de Música, o Obradoiro Cultura Tradicional Chorima e o grupo Pesdelán serán os encargados da animación musical da tarde, antes da verbena na que actuarán as orquestras Capitol e Finisterre.

Comentarios