Compostela Aberta aposta pola humanización dos barrios atendendo ás necesidades da veciñanza

Compostela Aberta aposta pola humanización dos barrios atendendo ás necesidades da veciñanza
Compostela Aberta aposta pola humanización dos barrios atendendo ás necesidades da veciñanza

O Goberno de Martiño Noriega porá en marcha o Plan Vite e o Plan Ensanche, e acometerá importantes actuacións en Fontiñas, Sar, O Romaño e Conxo

Compostela Aberta apostará no próximo mandato “por un modelo urbanístico que poña ás persoas no centro, que permita humanizar os barrios de Santiago, e que evite que as infraestruturas viarias supoñan fronteiras insalvables para a veciñanza”. Así o explicou o alcalde e candidato á reelección nunha rolda de prensa na que presentou o cuarto dos 13 retos cos que Compostela Aberta se presenta ás eleccións: a humanización da cidade. Martiño Noriega estivo acompañado polos concelleiros Rafael Peña e Jorge Duarte.

Martiño Noriega explicou que no mandato que remata “dedicámonos a testar as necesidades reais da veciñanza, a repensar e desbloquear proxectos pendentes, algúns deles comprometidos desde máis dunha década atrás”. Nesa liña, o Goberno de Compostela Aberta “mellorou actuacións como a reurbanización da Avenida de Vilagarcía e de Montero Ríos, acometemos por fin a instalación do ascensor de Triacastela, e foi valente para iniciar unha actuación tan complexa como a da reforma de Castrón D ́Ouro, para a que conseguimos fondos europeos dentro da EDUSI”. 

De cara aos próximos catro anos, Martiño Noriega explicou que “sentaremos as bases da cidade do futuro, baixo a premisa de que Compostela se faga á medida das persoas e non nin dos vehículos nin dos intereses das promotoras”. O candidato á reelección insistiu en que “no noso programa en materia de urbanismo e obras non vendemos motos e non facemos promesas que sobardan todos os límites orzamentarios, senón que nos limítamos a recoller as actuacións que de verdade precisan Santiago e a súa veciñanza”. 

As propostas para humanizar Compostela “teñen que ver con dous eixos viarios da cidade, o sur polo viario Clara Campoamor e o norte desde Xoán XXIII; con programas integrais para os barrios de Vite e o Ensanche; e con outro tipo de actuacións noutros puntos como Conxo, Fontiñas, O Romaño ou Sar. Tamén salientou a incidencia que terá na cidade o Plan de Mellora dos Accesos do Camiño de Santiago “no que o Concello colabora coa Xunta, e no que o Goberno de Compostela Aberta mantivo unha actitude vixiante para que os proxectos que se vaian desenvolver estiveran adaptados ás demandas da veciñanza”.

APOSTA POLOS BARRIOS

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou as actuacións que Compostela Aberta prevé acometer no próximo mandato nos barrios “nunha clara aposta polo equilibrio territorial e pola recuperación do espazo público”. Rafael Peña incidiu en dúas das principais propostas do programa: o Plan Vite e o Plan Ensanche. No primeiro caso, trátase da reurbanización das rúas Federico García Lorca, Carlos Maside, Irmandiños, Guadalupe e Celso Emilio Ferreiro “un programa que suporá un investimento dalgo máis de dous millóns de euros, que pretendemos acometer en tres anualidades, cunha primeira fase que xa está tramitada e que se poderá executar no primeiro ano do mandato”. Ademais das intervencións urbanísticas, “seguiremos actuando na mellora dos espazos públicos, os parques, e as instalacións deportivas e educativas”.

En canto ao Plan Ensanche o edil explicou que “se centrará en torno a catro eixos: o vello colexio Peleteiro, que queremos converter non espazo humano e residencial e non nun centro comercial como pretenden outros; a Praza de Galicia, que ten que ser un novo punto de encontro entre a cidade vella e o Ensanche; a rúa de Santiago de Chile, que require claramente unha reurbanización; e o novo bulevar do Hórreo”.

Neste caso, Rafael Peña explicou que se trata de “proxectar un novo espazo de conexión coa estación intermodal, que cambiará completamente esta rúa e faráa máis amable para as persoas”.

Por último, o concelleiro de Obras explicou que o Goberno de Compostela Aberta afrontará importantes actuacións no próximo mandato noutros catro barrios: Conxo, Fontiñas, Romaño e Sar. En Conxo, “propomos crear unha gran praza no Campo de Conxo, afrontar a reforma da Avenida de Ferrol, humanizar o contorno da rotonda, e incorporar unha nova zona verde e un espazo multiusos cuberto nas proximidades da praza da Mercé”. 

No caso de Fontiñas, a principal aposta será a reurbanización da rúa de Madrid, e no Romaño “continuaremos coa actuación de humanización desde a rotonda da Torreira”. Por último, Rafael Peña explicou que no barrio de Sar “iniciaremos a segunda fase das obras de Castrón D ́Ouro e reurbanizaremos a Ponte de Sar”. Ao tempo,o concelleiro explicou que “o Goberno de Compostela Aberta seguirá na liña iniciada este mandato para acometer obras que, ainda que son de pouco envergadura, melloran notablemente a vida da veciñanza, como a actuación que executamos nas Cancelas”.

HUMANIZAR A INFRAESTRUTURA VIARIA

O concelleiro de Espazos Cidadáns e número 5 da lista de Compostela Aberta, Jorge Duarte, foi o encargado de debullar as propostas “para actuar sobre infraestruturas viarias que hoxe son rúas urbanas, pero que seguen supoñendo obstáculos insalvables para os barrios nos que se atopan”. Nesa liña, o edil explicou que unha das propostas programáticas aféctalle ao eixo sur de Santiago “e máis en concreto ao viario de Clara Campoamor, que converteremos nun bulevar urbano que suturará a fenda actual entre o Ensanche e Pontepedriña, da man da estación intermodal”. 

Duarte lembrou que “esta actuación xa foi deseñada neste mandato, xa temos un proxecto deseñado que combina o tráfico rodado cos usos peonís e ciclistas, e que crea unha nova praza para o uso da xente”. Ao mesmo tempo, no eixo sur afrontaráse a humanización das rúas do Restollal e do Amor Ruibal, e a súa conexión coas rúas laterais.

Xa no eixo norte, o concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que Compostela Aberta “aposta por recuperar a conexión entre os barrios de Vite e das Marías, a través da humanización da avenida de Xoán XXIII, unha vía de catro carrís que a día de hoxe xa non ten sentido”. Duarte engadiu que se acometerán os proxectos de humanización da praza de Ultreia, a rúa Oviedo e a avenida de Salamanca, actuando tamén sobre a mellora da accesibilidade dos edificios da zona.

Jorge Duarte apuntou que “para conseguir unha cidade para as persoas é preciso abordar obras a curto prazo, pero tamén fixar unha estratexia a longo prazo que recupere espazos sobre os que hai que facer unha reflexión máis profunda, como é tamén o caso da Praza de Galicia”.

Comentarios
Lo más