Bugallo propón o fomento do aluguer da vivenda con acceso preferente á mocidade

Bugallo propón o fomento do aluguer da vivenda con acceso preferente á mocidade
Bugallo propón o fomento do aluguer da vivenda con acceso preferente á mocidade

Son algunhas das medidas sobre mocidade que hoxe presentou o candidato á alcaldía, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Rubén Prol, número 11 da súa candidatura; incluídas no programa electoral baixo o epígrafe “Activando á xuventude”

O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; e Rubén Prol, número 11 da candidatura; presentaron as principais propostas do programa electoral no apartado de mocidade. Entre elas, ampliar as infraestruturas destinadas a mozos e mozas co Centro Xoven de Creación Cultural; fomentar as vivendas en aluguer con acceso preferente para a xuventude e maiores sen recursos; e promover espazos como naves-niño, que faciliten a actividade emprendedora.

Rubén Prol definiu a Santiago como “unha cidade na que nestes últimos oito anos non foi quen de atopar a forma de saír da crise, e isto fai que os nosos mozos e mozas marchen fóra”. Cualifícaa “como unha cidade esmorecida desde o punto de vista da xuventude”. O obxectivo do programa “relanzar Santiago como unha cidade de oportunidades”. Con varios polos de desenvolvemento que cita Prol: a cultura, a universidade, e Santiago como cidade administrativa. Pero para iso é necesario, segundo di, “que o concello actúe dunha forma proactiva, colaborando coa USC, colaborando co mundo da cultura, con iniciativas, con chan industrial, con emprego, e con alugueres a prezos razoables”.

Unha opinión compartida polo candidato á alcaldía compostelá. “Hai anos, di, a xente de talento viña a Santiago e quedaba en Santiago. Hoxe Santiago é unha praza de paso. Incluso os nosos fillos teñen que buscar a vida fóra, porque Santiago é unha cidade que non lles ofrece oportunidades”. Sinala Sánchez Bugallo, que no programa electoral dos socialistas se lle da resposta a “todas esas demandas da xente máis moza”.

Demandas como as oportunidades laborais. Sinala Bugallo que “estando en Santiago a Xunta, que é o principal contratista de obra, de asistencias técnicas, chama a atención que as grandes asesorías de Galicia están en Vigo e na Coruña. Non están en Santiago”. Pero, continúa “nós temos unha universidade que é a número un de Galicia en investigación, e en materias como biomedicina. Pero non hai un desenvolvemento dunha actividade empresarial que de continuidade a ese esforzo investigador”. Sánchez Bugallo pregunta “Que podemos facer nós nesa materia? Apoiar os proxectos que están en marcha, e ofrecer espazos para empresas, para emprendedores, para mozos e mozas que queren empezar a traballar”.

Para Bugallo é importante por a disposición dos novos emprendedores espazos para desenvolver a actividade empresarial a prezos reducidos. “O concello é propietario de toda a parcela fronte ao Polígono do Tambre, que é edificable. É propietario de 83.000 metros cadrados fronte ao mercado de gando de Amio. E é propietario de parcelas na Sionlla”. Preguntase por que o concello non fai nada alí, como naves-niño, ou naves en réxime de aluguer para facilitar que as iniciativas emprendedoras poidan atopar un espazo onde poder empezar a traballar, “durante dous, tres, catro, cinco anos, con alugueiros modestos, con servizos compartidos comúns, dándolle continuidade e complementando os viveiros como o da Cámara de Comercio”. “O concello pode facelo”, di. Argumenta “ten competencias, e aínda que non teña moitos recursos económicos, ten recursos para por en marcha esas iniciativas en colaboración coa universidade, coa Cámara de Comercio, coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, co cluster da madeira”. Nós, conclúe, “asumimos esa liña”.

Sobre vivenda, explicaba “onte dicíame Martiño Noriega nun debate que o concello non era ningunha promotora. Claro que non”. Pero, aclara, “o concello ten competencias en materia de vivenda, porque o di a Lei de Vivenda de Galicia”. E, engade “ten responsabilidade de que exista unha alternativa de vivenda para os sectores sociais menos favorecidos e especialmente para os xóvenes”. Segundo Bugallo, pode facer moito, porque “o concello é o maior propietario de so urbanizable de Santiago. É unha herdanza recibida, coa que non se fixo nada. Está morto de risa. Criando silvas e utilizándose como aparcadoiro de coches”. Cita, Volta do Castro, Castiñeiriño, San Lázaro. Pregúntase porque non se edifican esas parcelas para satisfacer as demandas de vivenda.

Explica Bugallo que o concello tamén ten competencia en materia de pisos turísticos, e preguntase por que non pon en marcha unha ordenanza reguladora e un servizo de inspección como fixeron di, Madrid e Barcelona. Sinala que en “Barcelona abríronse 4.800 expedientes por infracción da ordenanza reguladora. En Santiago nada. O que non é normal é que un estudante que ven a Santiago, teña que ir vivir a Padrón, Milladoiro, ou Bertamiráns, porque en Compostela non poden alugar un piso. Iso, historicamente, nunca pasara en Santiago”.

En materia de cultura, afirma o candidato “que hai moitas cousas que podemos facer. Santiago é unha cidade de cultura. A creatividade cultural é unha industria que temos que potenciar e pola que temos que apostar”. Unha aposta plasmada no programa, coa posta en marcha do Centro Xove de Creación Cultural, que nace coa vocación de converterse nun referente de creación artística en Compostela; Segundo Bugallo, “temos enormes creativos, de gran capacidade e nivel, recoñecidos fóra de aquí. A maior parte deles teñen que malvivir ou traballar noutra cousa para poder subsistir. Temos que habilitar medios para facilitarlles que poidan desenvolver a súa actividade en Santiago. Santiago ten que ser unha cidade de creatividade cultural. Podemos facer máis. Por iso nós asumimos compromisos”. Compromisos como programación, e formación en creación, xestión e produción cultural.

Para Bugallo, “a aposta pola xuventude é a aposta polo futuro. E Santiago ten que ser unha cidade con futuro, e para iso precisamos dos máis xóvenes, e conseguir, que, tanto os nosos fillos, como estas persoas con tanto talento que veñen estudar a Santiago, poidan desenvolver a súa vida en Santiago. Vivir en Santiago e traballar en Santiago”.

Sobre actividades para adolescentes, de entre 12 e 16 anos, tamén hai propostas no programa. Enumerounas algunhas Rubén Prol: apoiar a educación afectivo/sexual co talleres de sexualidade saudábel; campañas sobre temas de drogodependencia, educación viaria, violencia de xénero; reactivar a Casa da Mocidade como centro de información e espazo de formación e ocio; e espazos para actividades xuvenís nos Centros Socioculturais.

PREGUNTAS

Sobre a visita a Santiago de Pedro Sánchez e José Luis Ábalos, Bugallo sinalou que “estamos moi agradecidos aos apoios que recibamos, que sempre son moi útiles non só para a campaña electoral, tamén para o día despois da campaña electoral”. E continua, “agradecemos todos os apoios, pero iso non altera o esencial. O noso compromiso é coa cidade de Santiago, e o noso proxecto é un proxecto para a cidade de Santiago. Eu son o candidato do Partido Socialista á alcaldía de Santiago, pero a miña aspiración é ser o alcalde de Santiago, non o alcalde do Partido Socialista”.

Sobre o executivo de Pedro Sánchez, Bugallo aclarou que “este goberno é o que acaba de sacar a concurso a obra do orbital que coa que o goberno do PP estivo sete anos enredado; é o goberno que acaba de conceder o cuarto xulgado do social para Santiago. É o goberno de Pedro Sánchez. Polo tanto, encantados de que veña o presidente do goberno e o ministro de Fomento”

Comentarios