Román Rodríguez ensalza a figura de Antón Fraguas no acto de apertura do Museo do Pobo Galego

Román Rodríguez ensalza a figura de Antón Fraguas no acto de apertura do Museo do Pobo Galego
Román Rodríguez ensalza a figura de Antón Fraguas no acto de apertura do Museo do Pobo Galego

O conselleiro de Cultura e Turismo asistiu ao acto de apertura da mostra ‘Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019’ no Museo do Pobo Galego

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou onte no acto de apertura da mostra Antonio Fraguas Fraguas. Letras Galegas 2019 no Museo do Pobo Galego. Durante a súa intervención, o conselleiro enxalzou o papel do historiador de Cotobade como “home das institucións e dos retos da vida pública” pola súa achega como intelectual nos eidos da cultura, a arqueoloxía, a xeografía, a arte ou a etnografía.

A mostra, organizada polo Museo do Pobo Galego e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas repasa a biografía e a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que se trata dunha exposición “rigorosa e feita co corazón” que repasa o “legado intelectual ético e humano” de Fraguas ao tempo que enxalza a lingua e cultura galegas.

Para o conselleiro de Cultura e Turismo, o recoñecemento a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas deste ano permite destacar o papel dun home “que pensou sobre Galicia pensando na construción de Galicia”, xa que no seu labor como xeógrafo e historiador “tratou de expor e explicar o noso pasado e a nosa tradición para ofrecer sólidas bases de futuro”.

A exposición consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida do intelectual de Cotobade, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, e outra na que se abordan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual. Permanecerá aberta ao público até o 28 de decembro, data do 114 aniversario do homenaxeado no Día das Letras Galegas. 

Comentarios
Lo más