Goretti aposta por converter Santiago nunha cidade de maior calidade de vida

Goretti aposta por converter Santiago nunha cidade de maior calidade de vida
Goretti aposta por converter Santiago nunha cidade de maior calidade de vida

“Queremos aplicar o Plan Municipal de Saúde, coa participación da cidadanía e da comunidade de profesionais da sanidade”, asegurou Goretti Sanmartín

O BNG aposta por converter Santiago de Compostela nunha cidade saudábel e con maior calidade de vida, con medidas que sitúen en primeiro lugar ás persoas e que no ámbito da mobilidade vaian encamiñadas á preferencia peonil, uso de bicicleta, transporte colectivo e despois os coches. Neste sentido, Goretti Sanmartín apoia as iniciativas da Asociación Cívica Composcleta, que promove a bicicleta como un medio de transporte sustentábel, para a creación de rutas que conecten co núcleo veciño do Milladoiro.

Este proxecto de Composcleta, que comparte o BNG, aposta por infraestruturas “seguras, coherentes, cómodas e atractivas desde diferentes perspectivas, entre as que se inclúen grupos de idade, perspectiva de xénero, peóns, ciclistas urbanos, persoas con mobilidade reducida e tamén de lecer”, explicou.

O BNG inclúe no programa para o modelo de cidade saudábel, políticas encamiñadas a evitar a o proceso de privatización da sanidade pública e os recortes aplicados polo PP nos últimos anos, ademais de reclamar o centro de saúde de Conxo, unha dotación comprometida que debe ser prioridade a súa execución no vindeiro mandato.

“Pese a que os concellos non teñen competencias directas no tratamento da enfermidade, son as administracións máis capacitadas para actuar na prevención e na promoción da saúde no ámbito local”, explicou Goretti Sanmartín.

EVITAR O PECHE DE CAMAS NO HOSPITAL EN VERÁN

Por unha parte, pódense exercer desde o Concello políticas para dinamizar e potenciar o Consello Municipal de Saúde como canle orgánica de participación e debate nas políticas de saúde no ámbito municipal. “Tamén queremos aplicar o Plan Municipal de Saúde, coa participación da cidadanía e da comunidade de profesionais da sanidade”, engadiu a candidata.

“Promoveremos a educación para a saúde e fomentaremos hábitos e estilos de vida saudábeis como lactación materna, alimentación saudábel, práctica de exercicio físico, uso racional dos medicamentos, prevención e erradicación de adiccións”, destacou.

Tamén colaborará no control hixiénico-sanitario dos mercados e establecementos comerciais dedicados á elaboración, almacenaxe, distribución e venda de alimentos e, en xeral, coas redes de alerta en materia de seguridade e saúde.

Outra das medidas que contén o programa do BNG, en atención ás demandas da veciñanza, consiste en mellorar o transporte público ao CHUS e, na liña de facilitar o aparcamento de vehículos privados, “propiciaremos o aproveitamento do aparcamento público de Santa Marta para o acceso ao Complexo Hospitalario”, afirmou. Ademais, é necesario renegociaciar os prezos do parking privado do Hospital Clínico.

Xa no ámbito de reclamar melloras en ámbitos de competencia directa da Xunta, o BNG foi impulsor de numerosas iniciativas para demandar o centro de saúde de Conxo e de Galeras, así como para evitar o peche de camas hospitalarias durante o verán, que provocan o acrecentamento das listas de agarda.

“Neste sentido, instaremos á Xunta a mellorar a atención sanitaria, tanto da Atención Primaria como da Especializada, pulando polo desenvolvemento de programas específicos nos centros de saúde, a transparencia e a redución das listas de agarda e, se fose o caso, a creación de novos servizos”, sinalou a candidata nacionalista.

En canto ao peche de camas, “activaremos unha estratexia municipal para evitar as unidades sen uso nos períodos estivais”. “Mentres hai lista de agarda, é necesaria a contratación de máis persoal durante o período de vacacións para poder atender a demanda existente e manter en servizo estas unidades”, engadiu Goretti Sanmartín, “ademais de esixir transparencia no número de camas pechadas e de operacións que se pospoñen cada verán”.

A isto, o BNG suma a reclamación á Xunta dunha nova ambulancia medicalizada e o incremento de profesionais para a área sanitaria de Compostela, para que poidan atender de xeito debido a ratio que lle corresponde nesta ampla zona xeográfica. 

Comentarios