Noriega quere crear unha renda de garantía infantil

Noriega quere crear unha renda de garantía infantil
Noriega quere crear unha renda de garantía infantil

Consolidaranse as medidas impulsadas durante este mandato, que se caracterizou por colocar ás persoas no centro das políticas públicas, pasando de investir 77 a 111 euros por habitante e ano

O alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega, presentou onte o quinto reto para ter ‘máis futuro para Santiago’, un reto vinculado cos coidados e os dereitos sociais.

Fíxoo acompañado da concelleira e candidata número 8 por Compostela Aberta, Concha Fernández, quen aproveitou para facer balance da xestión na súa área durante o mandato. Martiño Noriega sinalou que “se de algo pode estar orgullosa Compostela Aberta é das políticas pioneiras que fomos quen de implantar durante estes catro anos, como a ordenanza de garantía básica cidadá que chega a 350 familias ou o programa de bolsas de comedor, que multiplicamos por sete ata beneficiar a 1.200 nenos e nenas”. Noriega deu conta dos datos oficiais que amosan “a redución da porcentaxe de persoas en risco de exclusión social en relación ao 2015 en catro puntos, situándose agora no 12,47% e sendo a máis baixa das cidades galegas”.

Nesa liña, Concha Fernández tamén quixo poñer en valor “o esforzo feito para mellorar o Servizo de Axuda no Fogar, no que duplicamos orzamento e co que conseguimos reducir as listas de agarda de tal xeito que non hai ningunha persoa con horas concedidas pola Xunta que non estea atendida polo Concello, ou o programa de bonotaxi para mellorar a mobilidade das persoas maiores ou as que viven no rural”. Compostela Aberta quere seguir avanzando no vindeiro mandato, co obxectivo de seguir construíndo unha Compostela máis inclusiva e accesible, que garanta os dereitos e a participación de todos e todas. 

Por iso “impulsaremos centros de día para as persoas maiores, un centro de atención ás persoas sen fogar e máis prazas para educación infantil coa construción dunha nova escola en Santa Marta”. Ademais, alén de consolidar e dotar de maior orzamento os programas postos xa en marcha, Compostela Aberta creará unha Renda de garantía infantil para que as axudas poidan chegar antes e dun xeito mellor organizado. “Queremos promover a igualdade de oportunidades no acceso á educación e a participación social, de xeito que ningunha crianza quede atrás por razóns socioeconómicas”, segundo explicou Concha Fernández. A idea con esta renda é “ir máis alá do programa actual de bolsas de comedor”.

Atención a Persoas Sen Fogar

Outro dos eixos clave do programa social de Compostela Aberta está na atención ás persoas sen fogar. Por iso, tras poñer en marcha durante este mandato accións como os ‘equipos de rúa’ con Cruz Vermella ou tres pisos de saída con Feafes, seguindo un modelo pioneiro no Estado como o “Housing First”, CA desenvolverá un plan municipal de atención ás persoas sen fogar que parta da coordinación con outras administracións implicadas “como a Xunta de Galicia que é quen ten as competencias en materia de vivenda ou de saúde e así poder dar unha resposta coordinada dende as administracións”. 

Nesa liña Compostela Aberta quere poñer en marcha un centro integral de atención ás persoas sen fogar, que se convertirá no primeiro centro residencia de media estadía individualizada en toda Galicia. Trátase dun recurso con servizo de centro de día e aloxamento prolongado, que pretende darlle a debida atención integral ás situacións de senfogarismo cunha óptica de recuperación e integración social. “É fundamental”, indicou Concha Fernández “pedir corresponsabilidade nas administracións para garantir dereitos básicos, vivenda e saúde”.

Ademais proxectarase a construción de dous centros de día, un no vello Peleteiro e outro en Galeras, para atender con calidade e proximidade á poboación maior que reside nas zonas sur e norte e que serán posibles tras modificar os proxectos dos gobernos anteriores para estas dúas operacións urbanísticas. Tamén se esixirá á Xunta de Galicia que constrúa e poña en funcionamento a residencia e o centro de día das Fontiñas, despois de que o Concello cedera os terreos e se asinara o convenio o ano pasado.

Saúde e cooperación

Dende o punto de vista da saúde, Concha Fernández explicou que se porá en marcha un Plan Municipal de Saúde que permita abordar “de xeito coordinado actividades de promoción e protección da saúde, que se desenvolven dende as áreas de medio ambiente, educación e deportes”. Este plan permitirá coñecer as principais vulnerabilidades e orientas as accións e campañas de promoción e protección. Xunto a isto implementarase o Plan de Prevención de Drogodependencias, elaborado durante o pasado mandato e que terá como obxectivo coordinar todas as actividades dirixidas ao ámbito educativo, comunitario e de ocio e tempo libre para previr o consumo e adiccións e gozar dun ocio saudable.

“Compostela é tamén referente en cooperación, soliedariedade e políticas que buscan un mellor modo de vida para as persoas migrantes”, sinalou Concha Fernández. “Por iso”, engadiu, “fomos pioneiros impulsando unha Ordenanza de Garantía Básica que cubre tamén ás persoas migrantes irregulares e aprobamos un programa de cooperación ao desenvolvemento”. Compostela Aberta quere seguir fomentando a solidariedade dende unha doble perspectiva, dentro da sociedade de Santiago mais tamén cos países en vías de desenvolvemento, a través da colaboración co tecido asociativo.

Compostela Aberta estudará tamén a posibilidade de ampliar os eidos de actuación “da nosa política de cooperación incorporando outras liñas de axudas destinadas á acción humanitaria, educación para o desenvolvemento e a cidadanía global”. Procurarase avanzar tamén na publicación de convocatorias bianuais que amparen actuacións máis ambiciosas e de máis impacto, fomentando a avaliación en terreo dos proxectos desenvolvidos, e a visita a Compostela de contrapartes e persoas beneficiadas por iniciativas desenvolvidas con financiamento municipal.

Finalmente nesta materia reforzarase a Unidade de Atención a Migracións, que contará con persoal específico suficiente para que sexa un centro de atención de referencia para as persoas migrantes. Activaremos unha Mesa Municipal de Migracións para dinamizar a participación do tecido asociativo, e desenvolveremos campañas de sensibilización contra os discursos do odio.

Comentarios
Lo más